As consecuencias da presión turística e a capitalidade de Santiago, chaves da reunión entre Rueda e Sanmartín

A taxa turística, unha cuestión que desde hai anos paira sobre a capital galega, será unha das principais demandas que a alcaldesa transmitirá ao presidente da Xunta.
Alfonso Rueda e Goretti Sanmartín. (Fotos: Arxina e Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Goretti Sanmartín. (Fotos: Arxina e Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, arrinca esta segunda feira a rolda de contactos cos alcaldes e alcaldesas que accederon ao poder após as eleccións do 28 de maio e faino coa rexedora de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, que leva na súa carteira medidas que teñen a ver coa presión turística que padece a cidade e o financiamento da capitalidade. Será, pois, o primeiro encontro oficial entre os dous dirixentes, tres meses e medio despois da constitución das corporacións locais e lgoo de coincidiren nos actos do 25 de xullo.

Á reunión da segunda feira acudirá Sanmartín após enviar nestes días previos varios cartafoles de documentación, entre eles, informes para a implantación dunha taxa turística que amorteza as consecuencias da chegada de turistas que, segundo os propios datos da Xunta, baten marcas de peregrinos desde o dobre Ano Santo Xacobeo 21-22. Neste senso, o Goberno local de BNG e Compostela Aberta remitiu tamén unha proposta lexislativa que leva anos no debate público da capital galega e que esta segunda feira estará enriba da mesa.

Na proposta remitida contémplanse distintos tipos de abonos en función do estabelecemento. Desta maneira, en pensións, hostais, cámpings, albergues e apartamentos turísticos estándar a taxa suporía 0,5 euros; en hoteis dunha, dous ou tres estrelas, a 1 euro; nos apartamentos turísticos superior, portos deportivos e cruceiros sería de 1,5 euros; para hoteis e balnearios de tres estrelas superior ou catro estrelas, 2 euros; e finalmente nos hoteis de cinco estrelas chegaría até os 2,5 euros. O máximo a abonar por un turista será por seis días, aínda que se aloxase máis tempo.

A idea sería que só funcionase nos municipios declarados de gran impacto turístico, o que correspondería a Turismo da Galiza, que se encargará de fixar os períodos de tempo con esta condición. Até este momento, o Goberno galego mostrouse moi remiso a implantar unha medida deste tipo e mesmo, en días pasados, o presidente Rueda advertiu de que esta medida impactaría, de adoptarse, en Asturias, polo que sería partidario de facelo "de forma coordinada".

"Non vou deixar de tomar unha decisión polo que diga Asturias, pero evidentemente se na Galiza se adopta, os que a propoñan en Asturias farán máis presión para que o seu Goberno a poña tamén. Gustaríanos que nos impactase de forma coordinada. Se cremos que somos un destino único, global, deberiámolo facer coordinado", esgrimiu en presenza do seu homólogo do Principado.

Capitalidade

Outra das cuestións que levará a alcaldesa é a reclamación para que se revise o financiamento que recibe Santiago de Compostela pola capitalidade, o cal, segundo estima o Concello en 8,6 millóns de euros segundo un estudo recente, mentres nestes momentos recibe algo menos de 2,4 millóns da Xunta para compensar os gastos que lle supón ser capital de Galicia.

O Goberno local tamén remitiu este estudo para o coñecemento previo da Xunta, co fin de que na reunión con Rueda poida abordarse esta actualización do financiamento, que Sanmartín entende que debería ser progresiva. A propia alcaldesa indicou que había un estudo previo que cifraba este custo en 5,5 millóns, pero esta actualización sinala que o total alcanzaría os 8.634.310 euros.

Nesta estimación téñense en conta os custos de oportunidade do solo, que se calculan en máis de 284.000 euros; a carga de conxestións derivadas da intensidade do uso de infraestruturas viarias polo tránsito, 713.000 euros; a seguridade vinculada á capitalidade, 5,7 millóns; gastos derivados do uso e potenciación do idioma galego, 227.000 euros; e patrimonio, representación e turismo, 1,6 millóns.

O mandatario galego dixo que se estudarían os números en concreto cando tivese a documentación diante, pero a priori puxo en evidencia que se trataría de multiplicar por catro o financiamento actual e case por dous a que derivaba do seu antecesor, o que levou a pór "en corentena" as cifras até coñecelas "en rigor".

Ademais, entre outros asuntos, o problema da vivenda tamén formará parte da reunión entre o presidente da Xunta e a alcaldesa compostelá, nunha cidade na que a proliferación de pisos turísticos xunto coa alta demanda e escasa oferta disparou os prezos e dificulta o acceso a un fogar.

Comentarios