O pleno do Senado aprobou esta cuarta feira unha iniciativa do PP que insta o Goberno estatal a tomar diversas medidas nas infraestruturas da Galiza, á vez que deu luz verde a outra moción do PSOE na que se chama a continuar impulsando a industria no país, coincidindo ambas as dúas co período de campaña electoral para os comicios do próximo 18 de febreiro.
En concreto, a iniciativa do PP sumou tamén o apoio da senadora de UPN, mentres que o resto das formacións abstivéronse, salvo a parlamentaria de Más Madrid, que votou en contra.
O texto que finalmente saíu adiante pide ao Goberno español a transferencia á Xunta da Galiza da titularidade da autoestrada AP-9, ademais da posta en marcha do servizo de "suficientes trens Avril de rodadura desprazábel, que comuniquen as cidades galegas do Eixo Atlántico entre si e coa capital española con Alta Velocidade; así como entre Vigo e a cidade portuguesa do Porto".
Os outros dous puntos desta moción reclaman ao Goberno do Estado español o desenvolvemento do Plan Director do Corredor Atlántico Noroeste, a creación dun Plan de conservación integral dos firmes na Autovía do Noroeste (A-6), o deseño dun Plan de conservación extraordinaria para a posta a punto dos firmes das vías, a conclusión da Conexión Santiago-Lugo (A-54), a axilización da Circunvalación de Pontevedra (A-57), o inicio da Autovía da Mariña (A-74) e o eixo Ourense-Lugo.
E tamén piden que se redistribúan os fondos europeos non comprometidos polo Estado e outras comunidades autónomas.
A moción do PSOE
No caso da moción do PSOE, saíu adiante co apoio dos seus senadores e cos do PP e o resto da Cámara, salvo a abstención de PNV, ERC, Bildu, BNG e Junts, e co rexeitamento dos tres senadores de Vox.
O que reclama este texto é "continuar co impulso aos sectores industriais estratéxicos na Galiza través dos PERTES do automóbil eléctrico e conectado, naval, agroalimentario, de descarbonización e de semicondutores".
Así como "favorecer a promoción das enerxías renovábeis", manter "as liñas de modernización, sustentabilidade, internacionalización e innovación dos Portos do Estado na Galiza" e "seguir apoiando os proxectos de I+D+i das universidades galegas coa finalidade de que o coñecemento que xeran permita a súa transferencia ao conxunto dos sectores industriais".