O DEBATE | É sustentábel e rendíbel producir hidróxeno verde coa tecnoloxía actual?

O hidróxeno ocupa un lugar chave no debate enerxético, porén existen posicións diverxentes sobre as súas posibilidades.
eólico ordes contra
photo_camera O desenvolvemento do hidróxeno verde require un importante incremento da produción de renovábeis. (Foto: Europa Press).

Marcos Martínez Lodeiro, delegado Relacións Institucionais de Norinver

Auga, vento, portos, Navantia e industria auxiliar. É por iso que Galicia ten os mellores ingredientes para converterse no hub europeo do h2, só temos que elixir en que posición queremos xogar este partido. Queremos xogar na dianteira e ser un polo tecnolóxico/construtivo de valor engadido? Ou queremos ser centrocampistas e conformarnos cun hub meramente construtivo e de servizos? Tamén todo dependerá do que nos deixen ser. Xoguemos onde xoguemos, o que temos claro é que contamos cos mellores dianteiros e os mellores centrocampistas.

Remontémonos uns anos atrás para ver as capacidades da nosa rexión no ámbito das enerxías renovables e poder comprender o futuro que temos se apostamos polo hidróxeno renovable. Hai anos a empresa pública Navantia apostou por transformar e aproveitar o seu coñecemento no deseño e construción naval para crear unha liña de negocio que consistiría en fabricar estruturas mariñas que serían os futuros pés dos eólicos que países que non tiñan terra para situalos decidiron poñelos no medio do mar promovidos por intentar ser un pouco máis independentes enerxeticamente para non estar atados a terceiros países. Aínda recordo frases como “Están tolos! Como imos pasar de construír barcos a simplemente uns ferros?” Pois ben, grazas a esa toleira dalgúns visionarios, as empresas auxiliares puideron manter traballo na zona e tomar como unha das poucas empresas no mundo con coñecemento nestas megaestruturas.

Agora co paso dos anos parece ser que serán estes xigantes mariños e os eólicos terrestres os que abrirán paso ao h2 renovable, así que só nos queda un dos elementos principais, a auga, un ben de todos que temos que conservar, claro está que temos que xerar industria, contaminar menos e preservando un recurso natural.

É neste momento no que se abren grandes incógnitas e oportunidades ás que temos que dar resposta, dado que para fabricar 1 quilogramo de hidróxeno necesitamos 19 litros de auga, polo que ao mesmo tempo que reducimos emisións, hai que preservar e coidar dos acuíferos e das reservas de auga doce, mais aínda nos queda un recurso ilimitado que é a auga mariña, por tanto queda por diante a investigación na produción de h2 con esta auga, sempre centrados nun proceso no que non se teña que desalgar. Conseguir un electrolizador co que se poida facer electrólise con auga do mar sendo eficiente e duradeiro tería que ser un dos obxectivos tecnolóxicos de Galicia entre outros, buscando tamén a descarbonización do sector marítimo ou do sector agrario con hidróxeno ou derivados.

Para situármonos como hub de Europa en hidróxeno renovable e en gases renovables teremos que aumentar moitísimo a produción de enerxía eléctrica procedente de fontes renovables, se non, non poderán levar a etiqueta “verde”.

Tendo en conta que os países membros da UE comprometéronse a no ano 2030 ter instalados 111 GW de renovables e que todas as revolucións industriais colleron a Galicia co pé cambiado, esta é a primeira vez que estamos ante unha revolución industrial na que os galegos estamos totalmente preparados industrialmente, concienciados en descarbonizar si ou si, aproveitando o desenvolvemento da industria, e capacitados tecnoloxicamente a través de centros tecnolóxicos e universidades para afrontar este futuro tan prometedor que nos ofrecen as renovables en xeneral e especialmente o h2.


Ramón Varela, catedrático de Bioloxía

Xa no ano 1974 producíase hidróxeno a partir da electrólise da auga en países como India, Exipto ou Canadá, que dispoñían de enerxía hidroeléctrica abundante e barata e empregábase o hidróxeno como elemento compoñente dos fertilizantes. Hoxe, segundo a Axencia Internacional de Enerxía Renovable, tan só da orde do 1% da produción mundial de hidróxeno orixínase con enerxía renovable, o 99% restante prodúcese máis barato a partir de nuclear, carbón, gas, petróleo, con emisións contaminantes.

O hidróxeno non é unha fonte de enerxía, senón un vector enerxético, é un medio que permite almacenar enerxía eléctrica que queda acumulada como enerxía química na molécula de hidróxeno e pode usarse de forma controlada para obter produtos químicos verdes como fertilizantes, amoníaco, metanol, combustibles sintéticos ou como combustible na produción industrial e no transporte, mesmo pode usarse para volver producir electricidade.

No Estado español consúmense en torno a 500.000 toneladas de hidróxeno gris ao ano e a industria do refino acapara o 70% del consumo total, a industria química 25%, a siderúrxica o 5% restante. A produción de hidróxeno verde ten serios problemas para competir hoxe, vexamos:

1º) Grandes necesidades de auga. Como mínimo requírense 9 litros de auga por cada Kg de hidróxeno producido. Se se utiliza auga de mar ou auga residual, precisaríase maior cantidade, entre 2,5 e 5 veces. Se consideramos o proceso global (refrixeración, tratamento dependendo do tipo de auga e tipo de portador...) calcúlanse maiores cantidades, entre 60 e 95 litros de auga por Kg de hidróxeno.

2º)Alto consumo eléctrico. A eficiencia do electrolizador é do 60% e requírense de 33 a 55 Kwh de enerxía para producir 1 kg de hidróxeno, de media 50 Kwh con electrólise a baixa temperatura incluíndo compresión a 30 bar. O alto consumo eléctrico pon de novo encima da mesa a enerxía nuclear, como está sucedendo xa nos Estados Unidos.

3º) Falta mercado e a produción ten alto custo. Hoxe apenas hai demanda, a Axencia Internacional da Enerxía advertiu que “sen unha demanda sólida, non hai mercado e a viabilidade de toda a industria do hidróxeno de baixas emisións está en perigo”. O custo de produción é importante, 1 kg de hidróxeno está entre 3,5 e
7 euros.

4º) A empresa privada aprovéitase do público. En Estados Unidos sete centros de hidróxeno acaban de recibir 7.000 millóns de dólares. No Estado español, o Ministerio para a Transición Ecolóxica, publicou en abril do 2023 as tres primeiras liñas de axuda a proxectos específicos de hidróxeno renovable, unha primeira de 150 millóns foi a proxectos pioneiros. En xuño, aportou outros 100 millóns para grandes electrolizadores, en novembro de novo 150 millóns foron á segunda convocatoria de proxectos pioneiros. As axudas do Goberno estatal á grande empresa privada aquí poden chegar ao 40% do investimento (infraestrutura-loxística), ou ao 35% (adaptación industrial) e mesmo o 15% para parques de eólica/solar conectados co hidróxeno.

A maiores existen outros problemas, como son as posibles fugas de hidróxeno. Durante a produción, uso, transporte e almacenamento poden darse fugas, e se alcanzan o 10%, os seus efectos para o clima serían igual de prexudiciais que a dos combustibles fósiles. As fugas provocan que o metano permaneza máis tempo no aire e teña máis impacto no clima.

O hidróxeno está verde ou maduro?

Comentarios