Unanimidade no pleno para aprobar a creación do Consello Municipal de Igualdade de Compostela

A iniciativa foi defendida en pleno pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, que lembrou a relevancia de que poida "haber unha participación cidadá en temas de relevancia", tales como a igualdade entre homes e mulleres e co colectivo LGTBIQ .
A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín (Foto: Nós Diario).
photo_camera A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín (Foto: Nós Diario).

Todos os grupos do pleno municipal de Santiago de Compostela aprobaron esta cuarta feira o regulamento do Consello Municipal de Igualdade, un órgano ideado para a participación da cidadanía nas materias de igualdade efectiva entre mulleres e homes e do colectivo LGTBIQ . Trátase do último paso, previa exposición pública, á súa posta en marcha.

A iniciativa foi defendida en pleno pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, que lembrou a relevancia de que poida "haber unha participación cidadá en temas de relevancia", tales como a igualdade entre homes e mulleres e co colectivo LGTBIQ .

"É algo que lle debemos ás asociacións e entidades que fan un traballo neste ámbito", dixo a rexedora, que considerou esta aprobación "unha moi boa noticia" para "dar pasos adiante" na materia e "demostrar que, máis aló de declaracións e pronunciamentos públicos", póñense en marcha "ferramentas e recursos".

Na súa intervención, a concelleira socialista Mercedes Rosón apuntou que esta "é unha desas cuestións que requiren unanimidade e consenso" e eloxiou a Compostela como "unha cidade aberta, libre e de vangarda" na que "non hai espazo para discursos" contrarios ao da igualdade.

Por iso, instou a "seguir traballado" en prol da igualdade e a "comprometerse" como "representantes públicos", xa que esta materia "non é un principio abstracto, é un dereito humano básico".

Finalmente, o edil popular Borja Rubio aplaudiu a iniciativa, aínda que criticou que se inclúan no mesmo consello os temas relativos a igualdade e a colectivo LGTBIQ , apuntando que esta última materia podería tratarse nun órgano propio.

"Son dúas cousas que, aínda que teñen moito en común, tamén teñen problemáticas ou retos específicos", considerou. A alcaldesa respondeu que non se fecha a que, nun futuro, poida haber un consello propio.

Comentarios