Valentín García celebra que Política Lingüística vaia cobrar maior peso, aínda que evita adiantar se será conselleiro

García figura nas quinielas como posíbel titular do departamento da área de Cultura e Política Lingüística no caso de que Alfonso Rueda decida dividir a Consellaría.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, cualificou esta cuarta feira como "unha boa noticia" a intención do presidente da Xunta da Galiza en funcións, Alfonso Rueda, de que a área de Cultura e Política Lingüística vaian ter maior peso no novo Executivo galego, aínda que non adiantou se el podería ser conselleiro desta área.

"Eu véxome como secretario xeral de Política Lingüística, que é o que son hoxe. Ao presidente da Xunta é a quen lle corresponde nomear aos conselleiros do seu Goberno", respondeu a preguntas dos medios nun acto decorrido no Pazo de Trasalba, no concello de Amoeiro (comarca de Ourense).

García figura nas quinielas como posíbel titular do departamento da área de Cultura e Política Lingüística no caso de que Alfonso Rueda decida dividir a Consellaría, que a día de hoxe leva xunto con Educación Román Rodríguez.

Esta posibilidade parte do feito de que o Partido Popular encomendoulle unha tarefa de relevancia orgánica na pasada cita coas urnas, cando tivo que coordinar un programa electoral cuxas medidas debullou esta terza feira Rueda como compromisos en sede parlamentaria.

En todo caso, García tampouco deu pistas sobre se finalmente a área de Cultura será dividida. "É unha decisión que ten que tomar o presidente e seguro que a que tome será a máis acertada", manifestou, sinalando que o que anunciou polo momento Alfonso Rueda "é a potenciación" da cultura e a política lingüística, algo que cualificou como "unha boa noticia".

"Creo que é unha boa noticia que tome corpo e se impulse aínda máis a cultura galega, que está a pasar por un momento esplendoroso, e a lingua propia da Galiza. Creo que a política lingüística da Galiza é un modelo de tratamento, concordia e entendemento entre ámbitos e comunidades lingüísticas", destacou o secretario xeral.

Deste modo, insistiu en que non se postulou como conselleiro, senón que "é o señor presidente o que escolle" e por tanto "a el lle corresponde tomar esa decisión". En todo caso, garantiu que os que elixa como conselleiros "serán os mellores e os máis adecuados para compartir as responsabilidades de Goberno e facer o mellor Goberno para a Galiza, que é o que corresponde nestes momentos".

Comentarios