VÍDEO | Besteiro mostra o seu apoio a Sánchez: "Sei perfectamente polo que estás a pasar"

Pedro Sánchez anunciou un proceso de “reflexión” sobre o seu futuro á fronte do Goberno español

Besteiro e Sánchez nun mitin das pasada eleccións galegas.
photo_camera Besteiro e Sánchez nun mitin das pasada eleccións galegas.

O portavoz do PSdeG no Parlamento galego e aspirante á Secretaría Xeral do partido, Xosé Ramón Gómez Besteiro, manifestou o seu apoio ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, tras o seu anuncio de que abre un período de reflexión sobre o seu futuro á fronte do Executivo estatal tras as investigacións á súa esposa, Begoña Gómez.

Nun vídeo difundido pola formación socialista, Besteiro manifesta "todo" o seu apoio a Sánchez, ao que traslada que sabe "perfectamente" en que situación se atopa, nunha alusión ás investigacións xudiciais contra el, finalmente arquivadas, que o levaron a abandonar a política temporalmente.

"Sei perfectamente polo que estás a pasar. Esa impotencia polas calumnias da dereita, por unha campaña sucia que parece non ter fin. O prezo que pagas ti e o que paga a túa familia. Seino perfectamente", sinalou Besteiro, que este domingo será proclamado novo líder do PSdeG no Congreso Nacional Galego que decorrerá en Compostela.

Besteiro fecha o seu vídeo dando as grazas a Sánchez por "demostrar que na política non todo vale". "Tes todo o meu apoio, presidente", conclúe.

Comentarios