Consello da Xunta

A Xunta prepara unha lei para simplificar a normativa de tramitación ambiental e acurtar prazos

Aínda sen texto definido, esta mesma terza feira iniciarase o proceso de consulta pública.
Ángeles Vázquez e Alfonso Rueda, esta segunda feira, nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)
photo_camera Ángeles Vázquez e Alfonso Rueda, esta segunda feira, nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)

O Goberno galego acordou, na súa reunión semanal desta segunda feira, empezar a articular unha nova lei de tramitación ambiental simplificada que está chamada a unificar a normativa autonómica, á vez que se clarifican os pasos a dar aos promotores de proxectos na Galiza, o que proporcionará "maior seguridade xurídica" e axilizará os prazos.

Así o avanzaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nunha comparecencia conxunta ante os medios posterior ao Consello da Xunta. Ante a necesidade de adecuar a normativa ás directrices europeas e de avanzar no obxectivo da transición verde, a conselleira explicou que era necesario "dar un paso á fronte", tendo en conta que a convivencia de distintas normas "xera incertezas" e mesmo "pode pór en perigo proxectos que xa contaban con autorización ambiental".

Por iso, co fin de unificar e actualizar a regulación en materia ambiental, proponse deseñar esta norma, que a Xunta busca que sexa "participada". Precisamente, aínda sen texto definido, esta mesma terza feira iniciarase o proceso de consulta pública. "É un paso que o Goberno estatal quere obviar, pero nós queremos actuar coa máxima transparencia", destacou Vázquez.

"Dámonos de tempo até setembro", indicou a conselleira na súa intervención. Após as achegas da consulta pública será necesario articular un texto lexislativo e a previsión do Goberno galego é que estea listo arredor do último trimestre do ano.

Esta consulta ábrese antes de proceder á elaboración do anteproxecto lexislativo, un primeiro paso que permitirá tamén coñecer a postura da cidadanía sobre a necesidade de abordar esta norma e facilitarlle unha canle de participación na súa redacción. Vázquez, de feito, manifestou que a Xunta busca unha norma "participada" e, en contraposición co Goberno español, do que apuntou que evita este paso, e defendeu que o Goberno de Rueda busca promover "a transparencia". Así, a consulta estará dispoñíbel na web da Consellaría até o mes de setembro.

O obxectivo é articular o texto no último trimestre do ano. "O paso á fronte" de deseñar esta lei responde, continuou Vázquez, tanto á complexidade e dispersión das normas sobre avaliación e intervención ambiental como á propia experiencia adquirida desde a aprobación no ano 1995 da Lei de protección ambiental da Galiza. "A convivencia de diferentes normativas xera incertezas e mesmo pode poñer en perigo proxectos que xa contaban con autorización", avisou.

Nun escenario marcado pola suspensión cautelar de parques eólicos, a Xunta quere revisar o marco normativo da protección ambiental a nivel galego e substituílo por unha nova lei que "sistematice, actualice e integre" os distintos instrumentos de prevención das actividades económicas suxeitas a control pola súa propia natureza. Todo iso, de acordo cos "novos retos sociais e ambientais, sobre todo cos derivados dos obxectivos da transición climática", e co marco regulatorio comunitario e estatal vixentes.

"Posición de vangarda"

De feito, Ángeles Vázquez incidiu en que a Xunta aspira a situar Galiza nunha "posición de vangarda" respecto ao resto de comunidades e, a tal fin, tentará dotar o país "dun dos ordenamentos ambientais máis modernos e innovadores de todo o Estado, seguindo os exemplos recentes de Euskadi ou Asturias", que aprobaron nos últimos anos normas propias de intervención neste ámbito.

Así, a futura lei galega garantirá que se cumpran os estándares de protección ambiental da UE e irá en liña cos obxectivos do Pacto verde europeo, que poñen no centro das políticas de desenvolvemento socioeconómico o obxectivo da neutralidade climática no ano 2050. Para conseguir estes obxectivos, e de acordo coa tendencia para clarificar os procedementos administrativos, a nova lei simplificará algúns deles, "sen prexuízo" —sostén o Goberno galego— do rigor na análise dos proxectos e do mantemento dun "alto nivel de protección ambiental" que garanta sempre "o máis estrito cumprimento do ordenamento comunitario nesta materia".

Deste modo, apostarase pola "axilización" dos procedementos de autorización, licenza e avaliación ambiental, pola mellora da coordinación entre as administracións implicadas na tramitación, fomentando a colaboración de todas as partes. Tamén por unha revisión da definición dos instrumentos de prevención e control ambiental "como a autorización ambiental integrada" que actualice o réxime dalgúns deles ou mesmo elimine os que se consideren "innecesarios".

Ademais, a norma aplicará o principio de que cada proxecto se someta a un único procedemento ambiental de autorización ou de comunicación previa. Con estes pasos, a conselleira ratificou que se axilizarán os procedementos en tramitación.

"Máis certezas"

Fronte á dispersión normativa e para acabar coas posíbeis causas que xeran inseguridade e mesmo poñen en risco certas actividades e proxectos unha vez autorizados, a futura lei buscará introducir "unha maior claridade e certeza" no ordenamento xurídico ambiental da Galiza. Ademais, tal e como explicou a conselleira, grazas á integración nun só texto normativo dos diferentes instrumentos administrativos esixidos polo ordenamento vixente, a lei de administración ambiental simplificada tamén permitirá "previr ou minimizar a proliferación de conflitos xudiciais interpretativos" sobre a aplicación das devanditas normas.

Por tanto, proporcionará "a seguridade necesaria para o asentamento de actividades que requiren dunha avaliación". "Seguiremos traballando para facer da Galiza unha terra atractiva para investir na que, como non pode ser doutra forma e como até o de agora, só terán cabida os proxectos que respecten escrupulosamente a lexislación en materia ambiental", concluíu Vázquez.

Comentarios