O informe ambiental da 'macrocelulosa' de Altri na Ulloa estará listo a comezos de 2025

"Está a examinarse na fase de tramitación ambiental, que é na que estamos neste proxecto. Se o proxecto non é viábel, non vai saír", insiste a conselleira de Economía.
O predio de Quintas (Palas de Rei, A Ulloa) no que Altri proxecta a 'macrocelulosa'. (Foto: Juan Mañá)
photo_camera O predio de Quintas (Palas de Rei, A Ulloa) no que Altri proxecta a 'macrocelulosa'. (Foto: Juan Mañá)

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, asegurou este domingo que a Xunta da Galiza espera ter listo a principios do ano 2025 o informe de impacto ambiental do proxecto que Altri quere instalar no municipio de Palas de Rei (A Ulloa). Nunha entrevista na Cadena SER, a conselleira volveu pedir "tranquilidade" a respecto deste proxecto. "Está a examinarse na fase de tramitación ambiental, que é na que estamos neste proxecto. Se o proxecto non é viábel, non vai saír", insistiu.

Así, reivindicou que desde o punto de vista industrial, do emprego e do desenvolvemento económico "vai supor para esa zona centro e rural da Galiza" algo "moi importante", destacando que "é o maior investimento que se propuxo na Galiza nos últimos 50 anos".

Sobre o posíbel investimento da Xunta neste proxecto, Lourenzá sinalou que este non é o momento de "examinar" se a Administración galega "vai pór fondos propios ou non" cando "hai fondos industriais dos Perte, dos Next Generation, que aínda non se asignaron".

Unha vez que conclúa a repartición deses fondos, asegurou, o Goberno galego poderá saber "se hai que completar algo con fondos propios". Con todo, apuntou que o apoio a "unha grande empresa, de forma directa e con fondos propios", desde o punto de vista normativo, "é practicamente imposíbel".

A conselleira de Industria, María Jesús Lourenzá. (Foto: Europa Press)
A conselleira de Industria, María Jesús Lourenzá. (Foto: Europa Press)

"Castigo" do Goberno estatal

En canto á cantidade de diñeiro público que demanda a compañía —250 millóns de euros—, a responsábel de Economía evitou pronunciarse sobre se lle parece ou non razoábel, pero pediu ter en conta que se trata "dunha operación de 1.000 millóns de euros" e o apoio público que pide "é de 20%".

Ao mesmo tempo, considerou "un castigo" para Galiza a repartición dos fondos Next Generation, comparándoo co que se destina a outras comunidades como Asturias. "A min non me ten que parecer nin moito, nin pouco, nin regular. O que me parece é que se está castigando un proxecto que se vai implantar na Galiza", reprochou.

Aínda sobre este tema, Lourenzá pediu ao PSOE que o apoie "realmente" e que se posicione respecto a proxectos "concretos". "Onde está o Partido Socialista na Galiza? Co BNG e co Goberno que non nos apoia? Ou está realmente coa industrialización da Galiza?", cuestionou.

Comentarios