Un home aceptou a pena de sete anos de prisión e cinco anos de liberdade vixiada tras admitir ante a sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo, que violou a súa filla no domicilio familiar, na cidade olívica.
Na vista, o acusado, J.I.P.C., recoñeceu os feitos que, segundo o escrito de acusación da Fiscalía, ocorreron o pasado xuño no domicilio familiar de Vigo, no que convivían acusado e vítima. O procesado atópase en situación de prisión provisional polo ocorrido.
Aínda que inicialmente o ministerio público pedía nove anos de cárcere, tras recoñecerse culpábel o home, rebaixou a petición e o tribunal ditou 'in voce' unha sentenza de conformidade, pola que condena ao home a sete anos de cárcere como autor dun delito de agresión sexual na modalidade de violación.
Liberdade vixiada
Así mesmo, a Audiencia imponlle a medida de liberdade vixiada durante cinco anos, que se executará cando saia do cárcere, e impúxolle tamén a inhabilitación para exercer a patria potestade sobre a filla por un período de catro anos.
O tribunal tamén o inhabilitou para exercer calquera profesión ou actividade que implique contacto con menores por un período de cinco anos unha vez que saia de prisión e, cando o faga, non poderá comunicarse ou achegarse a menos de 300 metros da vítima por un tempo dun ano.
Finalmente, en concepto de responsabilidade civil, J.I.P.C. deberá indemnizar a vítima con 9.000 euros polos danos morais. A sentenza foi declarada xa firme na sala.