"É una forma de provocar como non se recordaba". As palabras de Maite Isla, presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Sogaps, diríxense contra a actuación das forzas armadas de Marrocos, que o pasado día 13 entraban na franxa desmilitarizada do extremo sur do Sáhara Occidental para romper o bloqueo ao tráfico imposto desde outubro por manifestantes saharauís da Fronte Polisario.
A acción, interpretada polo Goberno da República Árabe Democrática Saharauí (RASD) como unha violación "deliberada" do acordo de alto o fogo asinado en 1991, motivou a concentración desenvolvida esta quinta feira en Compostela en apoio do pobo saharauí, convocada por Sogaps e pola Delegación Saharauí na Galiza, que congregou máis dun cento de persoas, representación dos tres partidos do arco parlamentario e dunha ducia de alcaldes e alcaldesas do país, ademais de organizacións que, como a CIG, chamaron á participación.
"A situación alí é moi complicada, moi difícil", denuncia Isla, que expón que a esta primeira acción seguirán convocatorias noutras cidades galegas.
Unha masacre
"Teremos que ir vendo o que vai acontecendo, non só na zona de guerra, que está nos territorios liberados de Guerguerat –onde entrou o exército marroquí– senón ante o masacre que se está a producir nos territorios ocupados", apunta a representante de Sogaps, responsábel desde hai 25 anos do programa Vacacións en Paz, polo que nenas e nenos dos campos de refuxio do Sáhara pasan o verán na Galiza con persoas voluntarias.
"Están entrando nas casas, levando xente. Non sabemos que pasa con eles", alerta a portavoz, que espera que a concentración de onte sirva para sacar á luz a represión que a está a sufrir o pobo saharauí.
Pola súa banda, a Fronte Polisario está chamando institucións, partidos, asociacións e demais tecido social á mobilización.
Faino para pedir ao Goberno español e á ONU unha intervención "rápida e decidida, que poña fin á ocupación ilegal e ao espolio dos bens do Sáhara Occidental e restitúa os dereitos arrebatados ao pobo saharauí desde o abandono do Estado español á súa provincia número 53, no ano 1975".