O 11 de novembro Nós Diario suma o seu número mil e, con este motivo, iniciou unha campaña promocional para o necesario reforzo do medio de comunicación que esta sexta feira chegou a Monforte, na comarca de Terra de Lemos. No acto que decorreu no Centro do viño Ribeira Sacra tomaron parte a escritora Olga Novo, a vicepresidenta da Xacia —asociación organizadora do evento—, Rosana Prieto, e a directora de Nós Diario, María Obelleiro.
A campaña percorrerá nas seguintes semanas diferentes comarcas do país. A seguinte parada será A Coruña, o día 30. Xa na primeira quincena de novembro, será a quenda de Ponteareas, Noia, Vigo, Ourense, Ferrol, Foz, Corcubión, Moaña, Verín, Vilagarcía e O Carballiño. A xeira concluirá o 1 de decembro para chegar a máis de 20 localidades.
Para a directora é "indispensábel" o xornal para conseguir "sacar do ostracismo temas de actualidade que os poderes públicos, nomeadamente a Xunta, queren agochar". A este respecto, destacou o papel de Nós Diario para "socializar o espolio eólico, as conexións entre sanidade pública e privada, o papel de Ence na definición da política forestal ou a situación nas residencias de maiores".
No acto inaugural en Santiago, o presidente de Sermos Galiza, Xoán Costa, asegurou no acto que "Nós Diario depende de que haxa máis subscritoras e subscritores e máis apoio social". Neste sentido, explicou que "un dos obxectivos da campaña articulada ao redor do número 1.000 do xornal é alcanzar 1.000 subscritores e subscritoras máis".
Lembrou que "cando en novembro de 2017 o consello de administración de Sermos Galiza lanzou a proposta de sacar un xornal diario en papel en galego, moi poucas persoas o vían posíbel; porén, a realidade amosou que era posíbel e necesario".