Esta cuarta feira rematou a instalación do Sagrado Corazón de Xesús que agora coroa a capela da Guía, en Vigo. Trátase dunha escultura relixiosa de seis metros de altura construída pola Escola provincial de canteiros e cedida ao Concello pola Deputación de Pontevedra.
O alcalde, Abel Caballero, explicou recentemente que o deseño da escultura "responde aos planos orixinais da ermida", erixida en 1951 con base no deseño do arquitecto vigués Manuel Gómez Román —quen foi tamén secretario xeral do Partido Galeguista e concelleiro en Vigo—. As obras paralizáranse daquela polo seu elevado custo. Situar agora no alto da capela este Cristo valerá perto de 84.000 euros.
Porén, a polémica está servida. O historiador Lucio Martínez Pereda vén de advertir a través de Twitter do "enorme risco" coa instalación desta escultura que Vigo corre de "converterse nun novo lugar de peregrinaxe para a ultradereita e o neofascismo español".
Martínez Pereda salientou que a cidade olívica será "a única do Estado español que pague con diñeiro público unha estatua coa imaxe relixiosa que representou con maior intensidade e claridade o cruzadismo belicista do nacional-catolicismo".
Mais xa en 2020 a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) alertaba do "escándalo" que suporía coroar a capela da Guía con esta escultura. "É un símbolo claramente franquista que foi utilizado como icona da loita contra os valores democráticos e as persoas que os defendían".
"Especial estupor provoca que os traballos para a colocación dunha escultura na ermida do Monte da Guía, proxectados durante a ditadura pero paralizados polo seu elevado custo, vaian ser finalmente financiados por dúas institucións democráticas", precisaron, en alusión a Concello e Deputación.
Criticaban, aliás, que teña cabida "nun Estado aconfesional", tal e como recolle a Constitución de 1978, destinar cartos públicos a este tipo de infraestruturas.