A afiliación á Seguridade Social subiu en xullo nas sete cidades, con Santiago á cabeza

A afiliación incrementouse 1,2% no conxunto do país.
Un traballador acomete a instalación dun tellado. (Foto: Lola Fdez. Nogales).
photo_camera Un traballador acomete a instalación dun tellado. (Foto: Lola F. Nogales).

A afiliación á Seguridade Social de persoas con residencia na Galiza subiu por volta de 1,2% en xullo a respecto do mesmo mes de 2022, até os 1,01 millóns de traballadores e traballadoras. Así, este dato incrementouse nas sete grandes cidades do país, con Santiago de Compostela e Lugo á cabeza.

Segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a afiliación total á Seguridade Social no conxunto da Galiza quedou en xullo nas 1,07 persoas, 1,7% máis, mentres que as persoas cotizantes con residencia en territorio galego foron 1,01 millóns, 1,2% máis.

Destas, en Vigo había 110.474 rexistradas, 1,2% máis que en xullo de 2022, situándose como a cidade galega con máis empregados en alta laboral. Por detrás queda A Coruña, con 92.231 persoas,  2% máis que hai un ano.

Santiago e Lugo posicionáronse como as urbes galegas onde máis creceu a afiliación, con 2,3% e 2,1% de incremento, respectivamente, até situarse nos 40.129 e os 38.049 traballadores.

En Ferrol, o número de afiliados é de 18.948 persoas, 1,4% máis que en xullo de 2022, mentres que en Ourense este dato é de 36.983, 1,9% máis, e en Pontevedra había 30.750 cotizantes, 1,3% máis.

Comentarios