Novembro despediuse coa perda de 4.287 empregos na Galiza

A Seguridade Social perde 4.287 afiliados, 0,4%, seis veces máis que a media estatal.

A CIG cre que os datos do desemprego agochan unha faciana menos positiva (Foto: Europa Press).
photo_camera (Foto: Europa Press)

A Seguridade Social perdeu unha media de 4.287 cotizantes en novembro na Galiza en relación co mes anterior, o que supón unha caída de 0,4%, seis veces superior á da media estatal, segundo os datos que publica o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Son, con todo, 15.958 afiliacións máis á Seguridade Social na Galiza que no penúltimo mes do ano anterior, até situar o total en 1.063.566.

A repartición é o seguinte: 839.141 do réxime xeral (5.926 sector agrario e 23.463 do fogar), 205.205 autónomos e 19.220 traballadores do mar.

Por outra parte, a 30 de novembro había 938 traballadores en ERTE na Galiza, dos que 655 estaban nun por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción e 283 nun ERTE por forza maior.

No conxunto estatal, a Seguridade Social perdeu unha media de 11.583 cotizantes en novembro respecto ao mes anterior (-0,06%) debido, principalmente, ao descenso de afiliados no sector da hostalaría, que pechou o mes con 115.539 ocupados menos, e á caída do emprego estranxeiro, no que se concentrou a perda de postos de traballo.

Traballadores autónomos

A Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) lamentou un "novembro negro" para o pequeno comercio e a hostalería, tras o peche de 5.500 negocios o mes pasado no conxunto do Estado.

Por territorios, oito territorios presentan saldos negativos, con Balears á cabeza, con 3.500 efectivos menos. Tamén perden afiliados a Galiza (-431) e Castela-A Mancha (-375), entre outras.

Comentarios