O salario na Galiza está 2.779 euros por baixo da media do Estado

O Instituto Nacional de Estatística (INE) presentou esta quinta feira o seu avance da Enquisa de Estrutura Salarial. O documento recolle que o salario bruto medio anual para Galiza no exercicio que analiza (2022) foi de 24.169 euros, é dicir, 2.779 euros ao ano por baixo da media do Estado. Nesa período, a baixada do poder de compra dos salarios situouse en 5,3%, malia rexistrar estes unha alza de 3,2%.

web
photo_camera O salario medio bruto na Galiza foi de 24.169 euros en 2022. (Infografía: Nós Diario/ Datos: INE)

Os salarios da poboación galega continúan un ano máis na parte baixa da táboa. Segundo as cifras achegadas pola Enquisa de Estrutura Salarial, as retribucións das e dos asalariados galegos están por diante dos estremeños, cuxos soldos brutos se situaron en 21.922 euros ao ano; dos canarios (23.096), dos casteláns-manchegos (23.751), dos murcianos (23.851) e dos andaluces (24.041).

As retribucións máis elevadas do Estado percíbenas un ano mais en Euskadi, onde o salario bruto medio anual alcanzou os 32.313 euros; seguido de Madrid, con 31.320 euros, e de Nafarroa, con 29.189 euros. A este respecto, o relatorio destaca que “atendendo ao crecemento anual da ganancia, Illes Balears, Asturias e Madrid presentaron as taxas máis elevadas, mentres que Castela-A Mancha, Catalunya e Murcia rexistraron as máis baixas”. Na mesma liña, o informe significa “unha correspondencia entre a formación académica e a contía do salario”, sendo este máis baixo entre as persoas con menor cualificación.

358.830 persoas cobran na Galiza por baixo do SMI

As cifras do Instituto Nacional de Estatística indican que en 2022 un total de 358.830 persoas asalariadas percibiron uns ingresos inferiores aos do salario mínimo interprofesional (SMI), sendo menores a 3.000 euros brutos ao ano no caso de 177.488 delas.

Neste sentido, os datos desa anualidade non son ningunha excepción, ao declarar 88.558 asalariados uns ingresos por baixo do salario mínimo interprofesional, rexistrando 30.425 deles un salario inferior a 14.000 euros ao ano. Ao tempo, 46.681 persoas afiliadas ao Réxime Xeral da Seguridade Social percibiron unhas rendas situadas entre 14.000 e 15.000 euros.

A fenda de xénero

O avance da Enquisa de Estrutura Salarial volve evidenciar a fenda salarial de xénero. Mentres os homes percibiron en 2022 na Galiza unhas retribucións brutas de 26.626 euros, as mulleres recibiron 21.912 euros, o que representa una diferenza de 4.714 euros. Neste sentido, os ingresos de 40,2% das mulleres ocupadas son inferiores ao salario mínimo interprofesional.

A diferenza salarial é maior naquelas actividades económicas onde a presenza das mulleres supera a dos homes. Concretamente, as mulleres son maioría nas ramas de entidades financeiras e aseguradoras, servizos ás empresas, outros servizos persoais e de lecer e servizos sociais.

A maior fenda entre homes e mulleres obsérvase na actividade de  servizos ás empresas, onde alcanza 26,3%. Nesta rama de actividade, as mulleres representan 54,1% do total da ocupación, cuns ingresos medios de 14.574 euros brutos anuais, exactamente 5.189 euros menos ao ano que os homes, cuxas retribucións rexistran 19.763 euros ao ano.

Comentarios