O subsidio de desemprego será compatíbel con salarios

O Ministerio de Traballo acorda con CCOO e UXT a reforma do subsidio de desemprego.
Oficina de emprego en Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Oficina de emprego en Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e os líderes de CCOO e UXT, Unai Xordo e Pepe Álvarez, respectivamente, asinaron onte o acordo para unha nova reforma do subsidio por desemprego. O novo texto aumenta por tramos da contía desta axuda, agora de 480 euros ao mes, e ademais amplía o colectivo de beneficiarios. Ademais, permitirá compatibilizar cun salario tanto o subsidio como a prestación contributiva de desemprego, entre outras medidas.

No caso do subsidio, que seguirá nun máximo de 30 meses de duración, a compatibilidade será por un tope de 180 días por cada novo emprego a tempo completo ou parcial, sen redución da contía. Na prestación contributiva poderase compatibilizar cun salario tamén durante 180 días a partir dun ano no desemprego. Esta medida busca, segundo o secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez, evitar que o paro "se enquiste". Mantense,  ademais, en 125% do salario mínimo interprofesional (SMI) a base de cotización para os subsidios de maiores de 52 anos. 

A reforma, que non foi asinada pola patronal, mellora as contías dos subsidios durante os 12 primeiros meses de percepción, estabelecendo tres tramos: o subsidio será de 95% do Iprem durante o primeiros seis meses de cobranza (570 euros mensuais co Iprem actual); de 90% durante o seguintes seis meses (540 euros) e do actual 80% durante o resto da duración da prestación (480 euros).

Outro novidade é que ao subsidio poderán acceder persoas vítimas de violencia de xénero ou sexual desde os 16 anos, así como emigrantes retornados, menores de 45 anos sen cargas familiares e persoal eventual agrarios de todo o Estado español (uns 200.000, segundo cálculos sindicais).

Subsidios parciais

A reforma elimina os subsidios parciais para quen traballase a tempo parcial, podendo cobralos íntegros, á vez que permitirá que as persoas con menos de 12 meses cotizados poidan acceder ao subsidio. Facilítase o acceso, ademais, tanto por insuficiencia de rendas persoais como da unidade familiar, ampliando a cobertura ás parellas de feito á unidade familiar. Por último, a reforma permitirá esgotar as súas prestacións e, posteriormente, pasar a incorporarse no Ingreso Mínimo Vital (IMV).

Comentarios