O desemprego medra 14,5% na Galiza, máis do triplo que no Estado español

Segundo os datos da primeira Enquisa de Poboación Activa (EPA) do ano 2024, 8.200 persoas menos están dadas de alta na Seguridade Social na Galiza con respecto ao trimestre anterior. O desemprego medra en 16.700 persoas, o que supón un incremento de 14,5%. 
Evolución do desemprego na Galiza, segundo os datos da EPA (INE / Nós Diario).
photo_camera Evolución do desemprego na Galiza, segundo os datos da EPA (INE / Nós Diario).

Segundo os datos da primeira Enquisa de Poboación Activa (EPA) do ano 2024, 8.200 persoas menos están dadas de alta na Seguridade Social na Galiza con respecto ao trimestre anterior. Pola súa parte, o desemprego medra en 16.700 persoas, o que supón un incremento de 14,5%.

Este aumento supón máis do triplo que o ascenso do paro rexistrado no conxunto do Estado español, onde as persoas solicitantes dun posto de traballo que engrosan as listas do desemprego foron 117.000 máis (+4,1%).

Desta maneira, o número de persoas desempregadas na Galiza quedou nas 131.600 persoas, 2,5% menos que no primeiro trimestre de 2023, con 3.400 paradas menos. Porén, este descenso é case o triplo menor que o do Estado español, onde o paro reduciuse en 208.500 persoas en termos interanuais, con 6,5% de baixada.

Tras esta evolución, a taxa de paro na Galiza ficou en 10,45% (cun ascenso de 1,26 puntos porcentuais no índice), case dous puntos porcentuais por baixo da media estatal, onde o dato de desemprego ascende a 12,29% (cun incremento de 0,49 puntos porcentuais).

Porén, a menor incidencia do desemprego na Galiza vén marcada pola taxa de emprego (a relación entre as persoas que teñen un emprego e o total das persoas en idade de traballar), de 47,62%, moito máis baixa que a estatal, de 51,42%.

Máis paro na mocidade

Aínda que o paro descendeu na Galiza nos últimos 12 meses, o desemprego entre a mocidade galega subiu tres puntos porcentuais no primeiro trimestre en comparación co mesmo período de 2023, até situarse en 22,3%, cuns 35.500 mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sen traballo, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Afiliación á Seguridade Social

En termos de ocupación, a mingua de 8.200 empregos na Galiza supón 0,72% menos. Así, a perda de persoas afiliadas á Seguridade Social foi maior que a do conxunto do Estado español, onde se perderon 139.700 postos de traballo, o que supón un descenso de 0,6%.

Con respecto ao primeiro trimestre de 2023, o número de persoas afiliadas á Seguridade Social na Galiza medrou en 24.400 persoas (+2,2%). Neste sentido, a suba é oito décimas porcentuais menor que a nivel estatal, onde existen 615.800 empregos máis que hai un ano (+3%).

Reaccións sindicais

Segundo sinalou a CIG, a EPA amosa "unha evolución preocupante do mercado de traballo", xa que "non semella responder á estacionalidade do emprego". CCOO salientou a perda de postos de traballo, que incidiu "especialmente no sector público". Pola súa parte, UXT insistiu no "pouco dinamismo do mercado laboral galego" e na necesidade de "maior protección social".

Comentarios