Opinión

Davos, entre o pánico e a apocalipse

Segundo anuncia este selecto club das elites da alta finanza internacional, durante esta semana vaise someter a debate un informe elaborado polo seu núcleo reitor. Nel, o Fondo Económico Mundial (FEM) describe os riscos máis graves aos que se vai enfrontar a humanidade nos próximos dez anos. O peculiar deste Foro –moi preocupante para calquera que coñeza a traxectoria do FEM– é que os seus estudos non son unha proxección científica, senón un inventario de acontecementos que os señores feudais do capital transnacional pretenden fomentar por todo o planeta para maior gloria do seu proxecto global. 

Isto é o que debemos ter presente cando lemos, no seu informe de 124 páxinas, o anuncio da próxima chegada dunha hipotética "enfermidade X" moito máis letal (vinte veces máis) que a Covid. Intrigante, sobre todo despois do seu proxecto de "Gran Reinicio" de 2020 que deseñaba a súa estratexia para o planeta aproveitando o impacto sanitario, económico e social da Covid-19. Daquela, o seu visionario manual (publicado, que curioso, ao comezo da pandemia), divulgado urbi et orbi como guía providencial para unha humanidade atribulada, acabou en papel mollado. Os posteriores acontecementos botaron polo chan parte da súa estratexia, revelando que nin os máis poderosos do planeta (afortunadamente) dispoñen do poder de prognosticar e manipular o futuro ao seu antollo. Porén, deberiamos estar atentos porque a "enfermidade X" xa fora identificada en 2020 pola OMS e un famoso centro británico (WTL) como a Covid-19. Pero agora resulta que non, que iso non foi nada comparado co que vai vir. E niso coinciden agora a OMS e Davos. Nese debate van estar presentes as grandes empresas farmacéuticas, o director da OMS e algúns "expertos" seleccionados para o caso. En fin, acórdanse do aforismo "reunión de pastores, ovella morta"?

Todo iso coincide con diversas informacións sobre a actividade de biólogos militares estadounidenses para crear epidemias controladas artificialmente (como se descubriu na Ucraína cos laboratorios biolóxicos ilegais da OTAN). Resulta moi preocupante porque EUA está desenvolvendo esta actividade á marxe da Convención sobre Armas Biolóxicas (CABT) e do mecanismo da ONU para investigar o uso dese tipo de armas. Concretamente, Washington está experimentando con varias cepas da varíola a pesar da prohibición da Asemblea Mundial da Saúde, bloqueando calquera iniciativa para verificar o cumprimento da CABT, ademais de fomentar a creación de laboratorios militares en zonas de conflito (Oriente Próximo) ou preto das fronteiras dos seus inimigos estratéxicos.

Finalmente, aos de Davos preocúpalles a desinformación. De veras? Iso é exactamente o que os media neoliberais están facendo todo o tempo. A táctica informativa de Davos consiste en adxudicarlle a outros os delitos e condutas que eles realizan de forma encuberta. De acordo con esa filosofía prevén un panorama mundial negativo (recesión económica, risco da IA e aumento da delincuencia e das guerras) durante os próximos dous anos, con tendencia a empeorar no horizonte de 10 anos. Ese é o seu prognóstico: en Davos optan polo conflito como táboa de salvación. Socorro.

Comentarios