Opinión

A reserva celulósica do Reino de España

Vai ser certo aquilo de que non se pode ter enganada a moita xente moito tempo. Eu son dos que estiven enganado con iso dunha fantástica fábrica de fibras téxtiles de eucalipto que, por fin, ía dar unha saída de vangarda (da man da moda e confección) a esta reserva eucalipteira do Reino de España. Pois Galicia, con cinco millóns e medio de toneladas de cortas de eucalipto, ten unha descomunal cota do total español deste particular cultivo forestal. Unha crecente reserva da que veño facendo críticas bastante inútiles (os números de eucaliptos cantan ao meu pesar) dende hai décadas (aquí un libro do ano 1991).

Durante todo este tempo a grande eucaliptizadora do país foi Ence (en Lourizán, na ría de Pontevedra, e Navia, en Asturias) que é unha fábrica non integrada de pasta de papel para a exportación. Nunha localización sen pés nin cabeza que aí segue. Sen dúbida con melloras tecnolóxicas que veu facendo arrastras das críticas sociais (vertidos de augas e a atmosfera) sendo só agora, non durante décadas, totalmente libre de cloro (TCF, polas súas sigas en inglés).

Pero a esa grande eucaliptizadora quere agora sumarse a fantástica fábrica de fibras téxtiles de eucalipto, que ao cabo sabemos era máis de celulosa (300.000 e 400.000 toneladas métricas –tm– respectivamente). De ir adiante, Galicia sería a reserva celulósica do Reino de España, pois sumadas esas toneladas ás de Ence en Lourizán fabricaríamos en Galicia a metade de toda a celulosa resultante (datos 2022 de Aspapel). Un "éxito" moi preocupante, que nin sequera chegamos a alcanzar co escándalo dos kilovatios hidroeléctricos que levan apañando para os seus petos os concesionarios franquistas (hoxe tuneados en Naturgy e Iberdrola).

Porque esta segunda fábrica de pasta de celulosa supón perseverar no mal camiño de ser unha fábrica non integrada (é dicir, que non fabrica tamén papel e derivados, sen precisar secar a pasta) por unha banda, e, por outra, que non incorpora a reciclaxe de papel usado (unha materia prima que no conxunto de España supón o dobre de toneladas que a celulosa –fibra virxe– nova do trinque) para o novo papel.

Pois só, pechada Lourizán, unha fábrica integrada e co recurso da reciclaxe podería tomarse en serio. Pero co tándem Lourizán-Ulloa non teremos nin unha cousa nin a outra. Tamén tería que ser unha fábrica de proceso non aberto. Para entendernos, que por caso a auga utilizada estea nun circuíto pechado e non collendo millóns de litros e tirando outros millóns. E mellor que TCF, que fose de pasta mecánica (térmica e reciclaxe) e non química. O que suporía unha reestruturación total do sector da pasta, que nos sacase de ser provedores de países (por caso Alemaña) que fan xusto iso que aquí non facemos, e nos deixan facendo o que eles non queren facer.

Porque o resultado de sumar á fábrica de Lourizán a da Ulloa é consolidarnos como reserva eucalipteira e pasteira do Reino de España. Algo que os fondos Next Generation non deberan alimentar. E menos na Ulloa. Porque iso é perseverar no de antes, e non no que debera vir. Pois eses fondos, nas terra de vocación gandeira e de pastos da Ulloa, mellor sería se se dedicasen a potenciar a nosa resiliencia e non dependencia alimentaria, cos recursos hídricos e agrolóxicos que máis celulosa e tanto eucalipto en nada van favorecer. Todo o contrario.

Moito me temo que estamos outra volta cun caso de manual de país desnortado, no que un grupiño de negociantes espabilados e ben conectados (cos medios de comunicación, con autodenominados expertos e con persoeiros do poder político) nos queren tomar o pelo e encher o peto en nome do progreso, a modernidade e a tecnoloxía. E non vai ser doado paralos. Para mostra: Lourizán.

 

 

 

Comentarios