Opinión

Xente ben

Matinaba esta semana nos eólicos. Rumiaba un tema que volve cada pouco: quen se beneficia do vento e das potencialidades da natureza galega. Mentres lle daba voltas a este artigo, lembraba o Feijóo que empregaba como arma electoral aquel plan eólico do bipartito para desmontar a idea dun aproveitamento por parte de empresas do país. Pouco tempo despois, esta submisión ao oligopolio eléctrico sería selada coa famosa aperta do Obradoiro, nunha desas fotos que sempre o persegue. 

Tamén pensaba nas portas xiratorias destas empresas, das que Beatriz Mato só é un exemplo recente dunha longa lista de pagos por servizos prestados. Vagaban esas ideas pola miña cabeza, cando unha frase, pronunciada no Senado, produciume algo así como unha urticaria política. Hai sentenzas que retratan o emisor non por lapidarias, máis ben por a quen lapidan. 

Hai xente de ben. Nunha especie de momento proustiano volvín á infancia, pero en sentido de pesadelo. Volvín escoitar unha sociedade que afirmaba existir unha xente de ben e outra... xente de vagos e maleantes. Xa de nena era unha expresión que non soportaba, moitas veces teño preguntado ao meu pai que quería dicir con iso de comportarse como xente de ben. Non o entendía e non o entendo. É certo que Feijóo nunca defrauda, as súas intervencións madrileñas mostran a ideoloxía que o sostén, e non só a maquillaxe mediática á que nos tiña acostumadas. Poucas expresións poden condensar algo tan rancio coma esta. Como non daba crédito escoitei a intervención. Aínda peor. No contexto dun debate sobre a lei do só si é si e a lei trans faise unha separación entre a xente de ben, para a que se demanda que a deixen tranquila sen explicar onde reside a intranquilidade que os corroe, e os outros. Os outros e outras que non sabemos se son de mal ou de medio mal. Ou residen no limbo entre o ben e o mal xunto co dereito ao aborto das mulleres, que na doutrina feijooniá é un dereito legal pero non humano.

É certo que Feijóo nunca defrauda. Camiña polo gume da navalla tentando mostrar que é un moderno de portada de revista con colo subido e agochando un modelo de sociedade tipo Vox onde a igualdade só abarca a medida dos intereses dos de sempre. Se cadra temos que valorar a hipótese de que se trabucase e a expresión que quixera empregar fose a de xente ben. Tamén rancia e doutra época. Esa xente que prefire perseguir as ONG e non as mafias que trafican con humanos no Mediterráneo. Que consideran que as mulleres están a pasarse con tantos dereitos ou que os armarios con ferrollos son os mellores espazos para as persoas LGBTIQ, por aquilo da tranquilidade dos de ben. 

Pechamos o mes de Rosalía. Falamos moito de xustiza e lembramos a necesidade de non ser inmunes ao que nos rodea. Pechamos este mes cunha nova traxedia fronte á costa italiana que dá conta das inxustizas migratorias, cun debate parlamentar e social sobre o espolio eólico e a nostalxia do pasado dos de ben. Eses que teñen fama de honrados na vila?

Comentarios