Opinión

O fútbol non ten pelotas

Opresidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, celebrou o gol que levou a Selección Española feminina a gañar o Mundial agarrando as pelotas. As súas. Ese xesto, que realizou sen pudor ante as cámaras ao lado das representantes da Casa Real, unha delas menor de idade, foi moi criticado na prensa internacional e, progresivamente –mais con moitos, demasiados matices, titubeos e negacións–, tamén na española.

Deixando atrás o saber estar que se lle presupón á máxima autoridade do fútbol en España, Rubiales espetoulle un bico nos beizos á centrocampista Jennifer Hermoso. Non tiña as mans nas pelotas porque estaban na cabeza dela, amarrándoa firmemente como quen quere dicir non te movas, que o mundo enteiro nos está mirando e eu son o presidente. Se ese mesmo día as portadas dos principais xornais deportivos do país abriran cunha entrevista ao seleccionador Jorge Vilda, deixando nun segundo plano as xogadoras que ían poñer o corpo e a alma no xogo, Luis Rubiales tamén logrou escurecer a histórica vitoria da Selección cos seus máis que reprobables xestos.

Tivo que ser a propia Hermoso quen, tras unha tormenta de opinións que interpretaban o seu silencio como consentimento, emitiu un comunicado de denuncia a través do seu sindicato. Tivo que ser ela quen puxo as pelotas. Ela e cinco máis no mundo do fútbol en activo que, a maioría preguntados e en declaracións medidas, denunciaron o que a todas luces foi un abuso sexual e de autoridade. Con todo, a xogadora foi culpabilizada por “deixar caer” o presidente e negada por el mesmo nunha vergoñenta asemblea da RFEF regada de aplausos ao líder.

Rubiales pensou que tiña pelotas cando faltou a quen o criticaron, cando fixo un vídeo de desculpas vacuas, cando anunciou que dimitiría da presidencia da RFEF e cando finalmente non dimitiu, vitimizándose de todo. O certo é que hai días que case non falamos doutra cousa que das pelotas de Rubiales, pero falamos moito menos da falta delas que dende os últimos anos vén sendo o elefante na habitación do fútbol. 

Un fútbol de armarios selados, racismo consentido e machismo nas gradas, nos palcos, nos micrófonos, nos titulares, nas festas privadas, nos despachos e nas asembleas da RFEF. Un fútbol que vive con medo a un xigante retrógrado. Por moito que proa, o feminismo entrou no campo para evidenciar que o fútbol non ten pelotas.

Comentarios