Opinión

O idioma da violencia

Non é bomba. Non é tanque. Non é sangue nin ferida nin membro inerte nin explosión. Non é edificio en ruínas. Non é fame nin crime de guerra nin violación do dereito internacional. Na guerra non é a verba, senón o contexto, o vestido e a significación que se fai con ela o que configura o idioma da violencia. Ese que perverte o noso mundo ata o punto de retorcer a realidade para que non se vexa.

O asedio de Gaza por parte do Estado de Israel, un dos países máis militarizados do mundo, ocupa hoxe todas as portadas e todos os faladoiros. Pero non é asedio a palabra máis empregada, senón outras máis equidistantes como conflito, guerra e, a máis repetida de todas, o dereito –de Israel– á lexítima defensa. Tan tramposo como inicuo.

A equidistancia é o síntoma máis claro de que alguén está a facer unha xustificación obscena do opresor. Primeiro veu a esixencia dunha condena firme ao atentado de Hamás, na que foi unha das incursións máis contundentes do grupo terrorista en territorio israelí en medio século, e que segou a vida dunhas 1.200 persoas. Despois veu a resposta de Israel en Gaza, un ataque desproporcionado nun claro castigo ao pobo palestino, obrigado a responder polos crimes da célula de terror que controla a Franxa. En escasos días de ofensiva israelí faleceron máis de 3.500 gazatís.

De Gaza, onde non poden entrar xornalistas e polo menos 17 nunca máis poderán saír, agroman máis dúbidas que certezas. O foguete que impactou contra o hospital Al-Ahli deixa titulares por ducias que se preguntan "que pasou?". Calquera residente en Gaza é capaz de explicalo, a comunidade internacional non. Espallamos vídeos de crianzas ateigadas de metralla mentres alguén na televisión compara o valor das súas vidas dependendo do lado da Franxa ao que pertencen. Os equipos de axuda insisten na urxencia de corredores humanitarios mentres Europa activa as alertas por terrorismo que convidan a pechar fronteiras.

Semella que como espectadoras dos mesmos crimes non compartimos o mesmo código receptor. Dubidamos, ou xérannos a dúbida, do que está diante dos nosos ollos. Hai demasiada xente axitando a bandeira da vinganza contra un pobo palestino que afoga sobre o afogado; demasiada sede militar nun mundo marcado pola ferida aberta no corazón de Oriente Próximo. O idioma da violencia espállase como o sangue, e xa sabemos o que pasa cando non se detén a tempo unha hemorraxia.

Comentarios