Opinión

Cal é o centro?

[ALBERTE MERA]

Lalín, Chantada ou Antas do Ulla estiveron na cerna da disputa sobre cal é o centro da Galiza. As sociedades buscan o seu centro, o seu eixo ou punto de referencia, non ten por que ser xeográfico, pode ser motivador, ideolóxico ou de vontade, mesmo os obxectivos cara a onde avanzar teñen que ter un centro onde asentar e centrar os esforzos.

Esta quinta feira, volvemos ver un presidente galego, Alfonso Rueda, que amosa que o seu centro non está na Galiza senón na política madrileña e estatal, na fábrica de ideas de Xénova para ser máis finos. Centrou o presidente a súa comparecencia após o Consello da Xunta en cargar contra o Goberno español e as formacións que esta quinta feira aprobaron o proxecto de lei de amnistía. Que diferenza a realidade política galega coa catalá -con todos os seus matices e diferenzas que teñen entre as formacións- e ver nela esa capacidade de negociar con outros e conseguir acordos que dan benestar á súa poboación. Entre as críticas ao soberanismo e á lei de amnistía, si fixo mención Rueda a unha realidade, malia que esta fose enunciada para facer de novo oposición ao Goberno español e non para se fixar nos problemas da Galiza: é a cuestión de que non haberá orzamentos do Estado 2024. Ben, as cousas veñen así. Ora ben, isto si que non pode ser escusa da Moncloa para que a Galiza non reciba o financiamento que merece. Cumpran coa Galiza. 

Comentarios