Opinión

Confía en Nós

[Xoán Costa]

Un día como o de hoxe de 2012 a Galiza amañecía cunha nova cabeceira xornalística: Sermos Galiza. No rompente do día, unha luzada de esperanza para a prensa galega, un fío de normalidade nos quiosques.

Pasaron once anos. A aparición de Nós Diario en xaneiro de  2020 reorientou o Sermos Galiza inicial cara a unha revista de fin de semana. Tamén mudou moito o contexto social e hoxe a información –e tamén as fake news e a desinformación– está ao noso alcance a través dun simple toque nos nosos dispositivos electrónicos. Por iso é máis importante do que nunca contar con fontes de información fiábeis e con responsabilidade á hora de investigar, verificar os feitos e presentar historias precisas ao público, sen que iso signifique renunciar a unha liña editorial baseada no compromiso con Galiza e na idea de contribuír para unha comprensión máis profunda dos asuntos que nos afectan.

É responsabilidade de todos nós apoiar o xornalismo de calidade, valorando a importancia e o custo da información precisa, da investigación e do debate informado. A mellor maneira, subscribíndote. Ao subscribir xornais como Nós Diario –próximo xa o número 1.000–  estamos a contribuír á pervivencia dunha prensa verdadeiramente independente e ao servizo da sociedade galega. Confía en Nós. Nós Diario confía en ti.

Comentarios