Opinión

A estratexia de Feixoo

[Xoán Costa]

Causaron grande impacto mediático, e tamén político,  as declaracións de Feixoo sobre o asasinato acontecido en Alxeciras: "Non verá vostede un cristián ou un católico matar en nome da súa relixión ou das súas crenzas". E realmente as declaracións chaman a atención.

Primeiro porque identifica cristianismo e catolicismo. E segundo porque Feixoo sabe que non hai tantos anos en Europa se mataba no nome de Deus e que a día de hoxe organizacións como o Movimento de Resistencia do Señor, un grupo cristián militar de extrema dereita, que pretende instituír un Estado teocrático baseado nos dez mandamentos, segue asasinando, secuestrando e escravizando sexualmente mulleres e crianzas no norte de Uganda con armas procedentes de Europa e USA.

Indican os analistas que perdeu Feixoo unha grande oportunidade de se afastar de Vox. Equivócanse. Nen hai discrepancias no PP co seu presidente nen Feixoo quere distanciarse de Vox: só pretende ocupar o seu espazo. Feixoo sabe o que fai. Non hai despiste. Esa é a súa estratexia. Sexa polos votos ou pola graza de deus.

Comentarios