Opinión

'Vila de Pitanxo', 'Andrianna', 'Titán'

[Xoán Costa]

Un batiscafo de nome Titán, construído en titanio e fibra de carbono, deseñado pola NASA, permite que, desde 2021, grupos limitados de pasaxeiros poidan somerxerse durante 9 horas para contemplar as profundidades do océano Atlántico e observar o naufraxio máis memorábel da historia, o Titanic. O prezo non é un problema. 250.000 dólares por viaxeiro. No derradeiro destes descensos algo non funcionou ben. Púxose en marcha un amplo dispositivo de rescate, con barcos e avións de USA e Canadá. Cando isto se publica, ignoramos o resultado. Un pesqueiro de nome Vila de Pitanxo afundiu hai pouco máis dun ano nesas mesmas augas do Atlántico norte. Nin USA nin Canadá puxeron en marcha ningún dispositivo de rescate e o Goberno español tardou un ano en enviar o Ártabro para localizar os restos do pesqueiro. Cando isto se publica sabemos o resultado. Tres sobreviventes, nove mortos e doce desaparecidos. Un precario barco pesqueiro de nome Andrianna, sobrecargado de inmigrantes, xace no fondo da foxa de Calipso. Transporta máis de 700, os homes na parte superior, as mulleres e as crianzas encerradas nas adegas. Só un cento foron rescatados, todos homes. As outras posibelmente están no fondo do Mediterráneo cos millares que morren cada ano. A Frontex nin intenta o rescate.

Comentarios