Opinión

A morte das tradicións

Nun artigo de 1972, o folclorista irlandés Kevin Danaher fala sobre a morte das tradicións. Comeza explicando que as condicións económicas da Irlanda rural no século XIX non eran propicias para o espallamento de novas ideas. Isto permitiu preservar até datas recentes os antigos sistemas de pensamento –algúns bos, outros non tanto– que doutra maneira desaparecerían para sempre. Pero ese mundo acabou de vez.

Sen dubidar de que as mudanzas son case sempre para ben e traen aos pobos unha vida material máis rica –ou menos penosa–, Danaher expresa un sentimento de desacougo por "botar fóra o bebé coa auga do baño": unha consecuencia da desaparición das vellas tradicións é que moitos dos seus aspectos máis valiosos –como a vida comunitaria ou o coñecemento da natureza– non serán substituídos por nada e deixarán unha sensación de baleiro social.

Houbo un escritor galego que foi moi consciente da súa condición de testemuña da morte das tradicións e quixo certificar o óbito con asombrosa precisión. Refírome a Eduardo Lence Santar, cronista oficial de Mondoñedo, cidade que, por certo, dicía que estaba ao nivel "das máis cultas e avanzadas". Grazas a Lence sabemos cousas tan específicas como que o derradeiro home da terra de Mondoñedo que gastou monteira na cabeza foi un tal Lois Balseiro, coñecido por Tres Reás. Ou que a derradeira muller que usou dengue foi a tía Rosa do Garabullo, de Rego de Cas. Como se pode ver, Lence non aforraba en detalles e debía ser perturbador ler as notas que publicaba no xornal El Compostelano, nun precioso galego, ao pé dos partes da Guerra Civil.

Mais Lence transmitiunos tamén cousas cheas de futuro, como os nomes das castes de castañas e de mazás autóctones do val de Lourenzá, os trucos para apañar os amorodos bravos na fraga de Rioseco ou a información de que a leña de xesta ten o demo na testa. Por certo, a frase "debo ser duro coma a testa do demo" dunha recente canción do valeco Grande Amore confirma a dureza da cornamenta demoníaca.

A tradición –cando menos no sentido etimolóxico de traditio– non é o que se perde e morre, senón o que se entrega e permanece de xeración en xeración, e para iso debe ser fermoso, útil e duro.

Comentarios