Opinión

Plásticos

Este Nadal estivo marcado pola vertedura de plásticos nas costas galegas e o cruce de acusacións ao respecto da xestión do problema. Non son especialista en medio ambiente mariño nin en materiais, polo que non teño unha opinión formada sobre a gravidade do problema, para iso temos a sorte de contar con excelentes investigadoras na Universidade de Vigo que xa se pronunciaron ao respecto. Aínda así, para facer ciencia precisamos información e datos fiables, que é o que se nos está furtando e no que quero centrarme hoxe. As comunicacións do século XXI permiten un intercambio de información instantáneo que é un verdadeiro agasallo para a investigación científica. Tamén permiten que, ante calquera suceso, centos de persoas hiperespecializadas poidan revisar os datos dispoñibles e poñer a disposición do público o seu coñecemento. O problema é, coma sempre, como se xestiona esa información.

No caso da vertedura de plásticos, este fluxo de información viuse gravemente condicionado ou ben polo descoñecemento ou ben pola ocultación deliberada, o cal é moi grave. Aínda que as consecuencias medioambientais non vaian ser tan catastróficas, a actitude das persoas responsables si garda semellanzas co que aconteceu durante o Prestige: silencio, tardanza, ignorancia das recomendacións especializadas e minimización do acontecido. Polo tanto, creo que si se pode trazar un paralelismo a este respecto.

O que para min subxace a estas actitudes é, ademais dun profundo desprezo polo coñecemento científico, unha idea do medio natural como un recurso extractivo unicamente. A preocupación redúcese ás repercusións que poida ter un suceso sobre os seres humanos, especialmente en termos económicos e só secundariamente de saúde. Non digo que isto non sexa importante, pero boto en falta unha visión máis ampla na que se tomen os ecosistemas como un valor a protexer en si mesmos.

Os seres vivos son importantes per se, non só polo rédito económico que poidamos tirarlles. Por suposto que as interferencias nas cadeas tróficas van repercutir dun xeito ou doutro no ser humano e posiblemente no medio de vida de moitas persoas, pero non pode ser que a nosa preocupación se reduza unicamente a cantas perdas económicas vai ocasionar, sen ter en conta en ningún momento as outras especies prexudicadas. Se un determinado animal ou vexetal non é rendible para o ser humano, xa non merece protección?

Comentarios