Opinión

O "conservadorismo" do noso campo, unha consecuencia do progreso?

Non é un chiste. O que vou contar é real. A un amigo morreulle o pai con 102 anos. Cando foi ao tanatorio e mirou a lista dos outros falecidos, encontrouse con que o seu pai era o máis novo.

A lonxevidade que vimos observando ultimamente explícase pola selección natural habida entre os nacidos nas primeiras décadas do século XX –era normal que a cada muller lle morresen varios fillos antes de cumprir o primeiro ano– unida á enorme mellora da sanidade que se comezou a producir a partir da década dos sesenta. 

As persoas que viviron ese período beneficiáronse dun gran salto adiante nas súas condicións de vida e non só no que respecta ás enfermidades. A vida no campo, moi maioritaria naquel tempo, era saudábel nalgúns aspectos, pero tamén incómoda: os alimentos variaban pouco e rozaban a insuficiencia, o traballo era duro, apenas se gozaba de ningún excedente e o inverno pasábase entre a escuridade, o frío e as habituais molladuras. 

Groso modo, podemos citar dous puntos de inflexión positiva: o plan de estabilización de 1959 que racionalizou a economía e abriuna ao exterior e a chegada dos socialistas ao poder en 1982 que trouxo outra apertura e unha mellora moi notábel na sanidade e na educación.

Obviamente, podemos sinalar moitas eivas e importantes puntos negros nestes mesmos períodos. Mesmo a aguda precariedade pasada, "os anos da fame" ou a longa posguerra, fixeron que a mellora posterior fose percibida como aínda máis grande do que realmente foi. Pero, en xeral, penso que nada disto é abondo para invalidar o apuntado.

Este relato positivo, cando menos en Galiza, foi aproveitado pola dereita e podemos resumilo na frase que se escoita con frecuencia entre as persoas de máis idade, sobre todo entre as que continúan a residir no campo: "Nunca vivimos tan ben". Ao dito habería que engadir, por suposto, as pensións, moi importantes para unha cultura aínda pouco consumista e, en parte, até hai uns anos, con certo grao de autosuficiencia alimentaria.

Isto non quita que, en política, sexa certo o argumento do clientelismo ou tamén que a identificación con Franco de moitos dos soldados que participaron na guerra se estendeu despois ás familias. 

Pero, máis que eses e outros factores, penso, en resumo, que a elevación das condicións de vida, no período sinalado, constitúe a causa principal diso que hoxe chamamos "conservadorismo" galego e que, en realidade, como se ve, pouco ten a ver co conservadorismo clásico ou co tradicionalismo, mesmo podería ser o contrario.

Os antigos campesiños que votan á dereita son partidarios acérrimos do "progreso". O seu relato obedece á lóxica da época. O despoboamento, a perda de produción, a ruína das aldeas, a ausencia dos fillos que viven lonxe ou a pouca valoración da lingua na que eles mesmos falan, compoñerían a outra parte da historia.

Comentarios