Opinión

Néstor Rego cruzou a liña vermella

As recentes declaracións de Néstor Rego en Madrid sobre o exceso de eucaliptos e de muíños de vento son importantes e son interesantes. Pero o máis salientábel desa intervención non foi que o deputado falase de colonialismo. A clave hai que buscala na frase: “Se queren máis muíños póñanos na Castellana”.

Así, con esas palabras, Rego cruzou a liña vermella, unha liña non explícita, pero perfectamente identificábel para calquera madrileño. O que en Madrid molesta é o atrevemento, a ousadía, ou como se diría en castizo: “ese insolente desparpajo de un don nadie”.

Molesta en Madrid –non hai máis que ver as respostas en redes– e molesta a todos. Non esperemos que alí se produza, a este respecto, ningún debate como o que houbo aquí coa película As bestas, un debate rico e con moitos matices, por certo.

En Madrid, coas declaracións de Rego, non hai matices. Nesta clase de asuntos prodúcese unha coincidencia, desde a extrema esquerda á extrema dereita, como feita con papel calcante. Calquera galego que coñeza medianamente Madrid sabe iso. Poden ser mellores ca nós en moitos aspectos, máis instruídos, máis informados e non poucas veces incluso máis tolerantes. Pero o atrevemento de Rego, non o van pasar por alto nunca.

O problema non está no colonialismo, como concepto marco que poida describir ou non a nosa situación e influír nunha determinada política, nin na posíbel invalidez do actual proxecto enerxético. O problema está no que eles consideran un insolente desprezo ao Estado, aos seus coidados, ao seu paternalismo. Rego, xulgan eles, cuspiu na man que lle dá de comer.

En todo caso, e a respecto do colonialismo, o propio Suevos recoñecía, nunha entrevista en 2018, que a pertenza á Europa Occidental e a continuidade xeográfica de Galiza con Castela limitaban a aceptación social e a propia precisión do concepto.

Iso non significa que non se poida ou non se deba usar. Do mesmo modo que non se debería converter nun talismán que o explica todo, tampouco debería ser un tabú. Pódese defender o pragmatismo e o sentido da oportunidade, pero non a autocensura nin a renuncia.

En Madrid, a intervención de Rego non molestou polas palabras, ao fin e ao cabo dese tema xa falara outras veces, senón pola actitude insubmisa de quen as pronunciou.

Comentarios