Opinión

Rota ao interior do ollo. Outras viaxes

Marga do Val é escritora.

O 8 de marzo cando te despedimos, tiñas, Luísa, outro encontro ao que acudir. Deberías continuar a aventura da Rota ao interior do ollo, a plaquette que inaugurou en 1995, o selo de Edições Tema (Lisboa), a fermosa iniciativa de Alberto Augusto Miranda, que propiciaría un encontro entre a literatura galega e a portuguesa e que tería unha fructífera continuidade, aínda que breve. A obra tivo cunha tirada de cincocentos exemplares e esgotouse axiña e case non chegou a Galiza; publicaríase despois en Clave Orión II (1995) a revista dirixida por Luz Pozo Garza.

A mesma editorial publicou máis títulos visibilizando a literatura galega, ti figuras en Tudo o que a água consigo leva (Antologia de respostas poéticas à arte musical de Carlos Paredes) (1997) e na antoloxía Mulher a fazer vento (1998), na compaña de A. Romaní, A. Romero, E. Couceiro, L. Pozo Garza, O. Novo e Y. Castaño.

Rota ao interior do ollo é unha viaxe en cinco poemas titulados coas palabras do Cadrado Sator: Sator, Arepo, Tenet, Opera e Rotas; o enigmático multipalíndromo; un amuleto, a fórmula máxica pompeiana, coa que quixeches xogar. Cinco poemas que convertes nun caligrama, para ilustrar un ollo aberto e, no centro da miniña, o cadrado Sator. Proba da importancia que sempre lle outorgaches á letra como arte visual. Sería a túa obra máis viaxeira. Incluída na exposición Botella ao Mar entre 40 textos literarios de escritoras e escritores e da obra de perto 350 artistas visuais de todo o estado, que doaron os dereitos da venda pública das obras para a Plataforma Nunca Máis. A exposición inaugurada en abril do 2003 na Casa das Artes de Vigo, tería continuidade no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, desde o 6 de maio até o 18.

No ano 2002 nacía en Suíza o proxecto Flying Carpet que se espallou por todo o mundo e no que participarían parte 165 mulleres de 25 estados diferentes e dos cinco continentes, que desde diferentes disciplinas e linguas teceron unha simbólica alfombra máxica ou voadora, sobre: Visións e enerxías desde a perspectiva das mulleres. As coordinadoras en España foron as artistas, afincadas en Galiza, Yolanda Herranz e Anne Heyvaert. De Galiza participaron 16 mulleres: Virginia Barros, Raquel Blanco, Berta Cáccamo, Tita Fraga, Dolores Galvez, Anne Heyvaert, Blanca Silva, Ana Soler, Lola Solla, Uxía Blanco, Susana Fernández, Yolanda Herranz, Olga Patiño, Ánxeles Penas, Luz Pozo Garza e, ti, Luísa Villalta.

A Flying Carpet expúxose na Fundación Torrente Ballester en Santiago de Compostela en marzo do 2004. O 8 de marzo ías participar no recital que se converteu nunha emotiva homenaxe a ti e a túa ausencia, con: Eva Veiga, Rosa Aneiros, Olga Patiño, Ánxeles Penas, Maribel Longueira e co grupo de corda "Campo de Estrelas". Nós choramos en Santo Amaro. A Alfombra Voadora expúxose en Vigo, no Centro Social Caixa Nova de Vigo , do 6 de maio ao 13 de xuño. No marco dos encontros celebrados en Vigo da Marcha Mundial das Mulleres, o 21 de maio tivo lugar un Recital poético-musical con: Mónica Bar, U. Blanco, O. Patiño, A. Penas, María Xosé Queizán e Laura e Marina Quintillán como violinistas. A exposición está depositada no CGAC de Santiago de Compostela. Estaría ben que a alfombra volvese voar e mostrarnos a Ruta ao interior do ollo, toda esa sororidade.

Comentarios