Opinión

Alba ou ofrenda

Resúltame difícil de entender a teima dalgunhas persoas por impoñernos ás demais as súas crenzas relixiosas, a súa moral. Unha moral na que seica hai preceptos de segunda, como non mentir –mandamento número 8, que debe incluír non difundir loiadas– non practicar a corrupción, correspondente ao mandamento número 7, ou non emprender guerras, noutras palabras non matarás. De primeira parecen ser unicamente os relacionados co sexo e coas festas relixiosas.

Debemos respectar as crenzas doutros, mais este deber é recíproco. Segundo a enquisa máis recente, a de Ipsos, en maio de 2023, hai un 43% da poboación española que se declara non relixiosa, é dicir atea ou agnóstica, proporción que medra cada ano en todos os estudos. Afirman ser católicos un 44%, ao que habería que engadir 10% doutros cristiáns. Estes datos desmenten o retrouso de que a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, debería asistir á ofrenda ao apóstolo por axeitarse ás crenzas da maioría.

A min represéntanme Goretti e María Rozas porque entre as obrigas dun goberno municipal –ou doutros– non está o de participar en actos relixiosos. Máis interesante é a Alba de Compostela, homenaxe ás persoas que constrúen a cidade día a día. Ao non coincidir con outros actos, quen queira pode ir tanto á Alba como á ofrenda.

O argumento de que a ofrenda é unha tradición moi antiga, pois vén de 1643, é pouco convincente. Hai numerosas tradicións das que afortunadamente nos imos desfacendo, como castrar rapaces para que puidesen cantar na tesitura de sopranos no coros da Capela Sixtina e na ópera.

Mentres que a ofrenda foi presentada por Franco nos anos de xubileo, o Día de Galicia, despois chamado Día da Patria Galega, ten a súa orixe nas Irmandades da Fala, que acordaron celebralo en 1919. Entre seguir os pasos de Castelao, os irmáns Villar Ponte, Lois Peña Novo ou os de Franco, eu non teño dúbida.

Comentarios