Opinión

'Corner' verde

O tema da semana foi, sen dúbida, a entrada das linguas galega, vasca e catalá no Congreso. Unha medida que nos deu o retrato exacto de cada formación política. E tamén unha nova mostra de manipulación da TVG que lanzou nos titulares que a reforma era unha esixencia dos "independentistas cataláns" para apoiar a investidura de Pedro Sánchez, unha afirmación envelenada que desvaloriza o fito, nega a contribución do nacionalismo galego e oculta que hai un ano até oito formación políticas, entre elas o BNG, reclamaron a utilización das súas linguas propias na cámara.

Mais nisto se está a converter a TVG, nunha máquina de manipulación que pretende ocultarnos a realidade poñéndonos unhas lentes opacas nos ollos en que van proxectando as súas "verdades". Queren utilizar o poder invasivo da televisión para modificar a nosa forma de pensar e aplícanse con toda caste de artimañas.

Así que cando comezan coa emisión do programa Latexos da cidade xa non sei se berrar ou rir, e opto pola ironía. Na web da TVG din que "o programa ten como obxectivo tomarlle o pulso ás cidades galegas mediante os seus protagonistas" e este 19 de setembro falaron da Brilat e de Ence. Ou sexa, para que nos entendamos. Que para tomarlle o pulso á cidade de Pontevedra, os da TVG consideran que os protagonistas son os soldados da Brilat e os traballadores de Ence. Non só iso. Chámanlle a Ence biofábrica. Si, si, biofábrica. Marabilla, resulta que a pasteira é bio... Non fede que alcatrea, non contamina a ría, non destruíu o banco de ameixas dos Placeres (e os seus postos de traballo). É bio. Coma os iogures e a froita: ecolóxicos, respectuosos co medio ambiente, etc., etc. Cousas nos farán ver.

Pero que lle imos pedir aos mesmos que se opoñen ao uso do galego no Congreso, os trilingüistas que logo se refiren ao noso país coas palabras: Corner verde, como fixo a Conselleira de Medio Ambiente en Cortegada esta semana tamén. Corner, unha auténtica declaración de submisión política e lingüística.

Comentarios