Opinión

83

Isto non pretende ser unha despedida, tampouco un deica logo. En todo final hai un pretexto para xustificar un comezo e o camiño realizado. Na recolleita levo comigo 83 artigos, no abur a necesidade de ser leal coas palabras do primeiro: "A vida era aquilo que pasaba mentres fixabamos posición". Neste deterse agroma a necesidade persoal de osixenar e tamén a importancia de non repetirse para non aburrirvos.

A cabeceira "do momento" chamouse así como homenaxe ao galeguista Víctor Casas por un artigo con este título publicado na Nosa Terra no 36, pouco antes de ser asasinado na Caeira polos fillos de Atila en Galiza. A colaboración naceu a petición da directora de Nós Diario no verán de 2021. Dende aquí quero agradecerlle a María Obelleiro e ás xornalistas Belén Bouzas e Susana Rois o bo trato e a liberdade dada durante este tempo. A escrita como salvación é aínda máis levadía se un pode exercela sen cancelas.

Reincorporeime á medicina ao comezo da pandemia. Cando xurdiu a posibilidade de encetar estas columnas, Daniel Salgado animoume a recoller nelas, a maiores doutras temáticas, o meu sentir dende a trincheira da Atención Primaria. A totalidade dos relatos médicos incitados polo poeta foron lecturas imaxinarias da realidade que vivo como doutor na orquestra do Titanic.

Este feixe de textos naceron dunha escoita constante na consulta que pode ser parte da cura, "sei que estou mellor porque ás veces son capaz de sentirme como a persoa que algunha vez fun". Algúns dos artigos alimentáronse das cinzas e lerias dun Pablo Torreira que durmía no pasado, e a totalidade dos mesmos beberon da edición aloumiñada de Antía Otero na hora na que morren os domingos.

Nada disto tería sido posible sen o motor do activismo que non renuncia a mudar o estado das cousas, o cordón umbilical á terra da Mara e o Airas, o xornal gardado dos martes no andel da casa dos pais, a Moleskine que capturaba imaxes e a compaña de todas e todos vós, que coa vosa lectura fostes auga no deserto.

Comentarios