O PSdeG busca con BNG e PP que o Parlamento "condene" os ataques a sedes socialistas

José Ramón Gómez Besteiro copou hoxe boa parte da atención mediática nos corredores do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O PSdeG lanzou esta terza feira —por medio do seu candidato á Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro— aos outros dous grupos con representación na Cámara galega, PP e BNG, un texto para tratar de alcanzar unha declaración institucional, para a que é necesaria a unanimidade do hemiciclo, na que se faga unha "condena aos ataques contra as sedes socialistas, así como as ameazas, insultos e ataques aos seus membros". Populares e nacionalistas aínda non puideron analizar o texto, mais a líder do BNG, Ana Pontón, xa trasladou o seu apoio ao PSOE: "Hai que condenar calquera ataque a unha sede dunha organización política, non se pode permitir nin normalizar nun sistema democrático".