Compostela arroupará a homenaxe galega ao Zeca

Jose Afonso
Colgado o cartaz de entradas previas esgotadas, á espera da porcentaxe reservada na billeteira, prevese que a homenaxe galega a José Afonso constitúa un emocionado acto de fraternidade cun dos máis grandes cantores portugueses.


“Terra da fraternidade” anúnciase como un dos máis relevantes encontros musicais da temporada, evocando ao cantor que estreara o seu Grândola en Compostela, pouco antes de se converter nun dos máis coreados himnos revolucionarios. O espectáculo do día 10 de maio prevese multitudinario, unha vez que as entradas que se reservan para a venda anticipada están xa esgotadas.

João Afonso, o sobriño do Zeca, abrirá unha noite en que se darán cita algúns dos principais nomes da música e teatro galegos, no mesmo espazo da cidade en que o cantor portugués estreou o máis coñecido dos seus temas. Uxía, Najla Shami, Aline Frazao, Xoan Curial, Agência de Viagens, Xabier Díez e Guille Fernández, Narf e o grupo formado por Xico de Cariño, Humberto Heredia e Manolo Bacallau, abrirán o espectáculo coa presentación de Carlos Blanco.


Sés e Bocixa, Xurxo Souto e Ico, Leo e García, ou Adrián Beiroa e Vituco participarán na segunda parte, división que se verá reforzada pola proxección en tres partes do documental arredor da vida e da figura do Zeca. Quico Cadaval será o encargado de facer a despedida e dous temas presidirán esta homenaxe multitudinaria galega, por unha parte a agardada Grândola e pola outra, Filhos da madrugada, a canción que titulou o traballo no que os novos grupos musicais portugueses se recoñeceron en José Afonso e que agora evidencia tamén a herdanza manifesta na música galega.