Antón Freire: "O titular que gostaría de ler en Sermos é: 'Galiza votará para decidir o seu futuro"'

Antón Freire

Antón Freire é estudante de bacharelato. Lector de Sermos Galiza e accionista. Agora anda cos exames de fin de curso, así que lle imos facer un sobre Sermos Galiza. Dez perguntas, dez respostas.

-Indica, cunha soa palabra, que é para ti Sermos Galiza.

Liberdade

-E agora, nun máximo de 5 liñas

Para min poder ler un medio en galego e que trate os temas en clave nacional supón unha enorme liberdade, xa que senón sería imposible escapar da censura centralista que nos nega como pobo. 

-Sermos Galiza é o único semanario en galego. A prensa é un elemento importante na conformación da opinión social. Pensas que máis prensa galega levaría a máis conciencia nacional?

Evidentemente, estamos afeitos a ler prensa en español e que trata os nosos temas de actualidade como se fosen de menor importancia, cando na realidade é o que nos afecta máis directamente. Se existisen máis medios como Sermos, co seu centro na Galiza, a xente sabería o que pasa no seu país, e a conciencia nacional medraría enormemente.

-Estás habituado a traballar con prensa na aula? 

A verdade é que non, unha das grandes eivas do ensino é que non se relacionan as materias que se estudan coa actualidade, e as poucas veces que o facemos é coa prensa que ten máis tirada que ademais chega de balde ao centro. 

-Tamén o tes feito con Sermos? A que pensas que se debe?

Non, non teño traballado con Sermos. Moitas veces non se traballa con Sermos porque non existe unha promoción da prensa en galego. 

-Con que nova che gustaría que abrise mañá Sermos Galiza? Ponlle titular 

Pois véñenme moitos temas á cabeza, pero un que me aledaría especialmente sería un que respondese ao titular  "Galiza votará para decidir o seu futuro" 

-Que contidos introducirías en Sermos para se aproximar máis á mocidade?

Quizais formas alternativas de diversión, que sirvan para crear conciencia nacional e de clase, e tamén non esquecerse de temas que afectan ao noso futuro, como vén sendo a emigración xuvenil, o desemprego, e tamén as reformas educativas. 

-Sermos ten un dixital diario e un semanario en papel. Se tiveses que prescindir dun, cal consideras prioritario?

Eu conservaría principalmente o dixital diario, xa que hoxe en día pódese chegar a moita máis xente deste xeito. 

-Ti militas e traballas en organizacións estudantís. É coñecido Sermos entre a xente nova? 

Cada vez é máis coñecido, sobre todo polas súas contas nas redes sociais como twitter ou facebook, pero aínda así queda moito por facer. 

-Na túa opinión, como se debería aproximar Sermos á xente moza 

A mellor forma de continuar achegándose á mocidade é seguir ao pé do canón, informando o que outros medios ocultan e cun formato atractivo e dinámico.