“O importante sería conseguir entre todos nós que Sermos fose un diario”

Raúl Río, nado en Guitiriz, emigrante en Santurtzi. Albanel, caldeireiro, soldador, articulista en xornais. Escultor de soños nos Vilares...

 

“Despois de estudar na escola de “Maestría Industrial” de Lugo pasei a traballar de delineante en talleres “Preme S.L.” na Coruña, pero, como non daba a peza para o tacón, tiven que tocar o zoco polo mundo adiante como tantos outros mozos moito mellor preparados que, aínda hoxe, teñen que ir a crear riqueza a outras terras porque na Galiza lles negan o futuro”, relátanos.

“Ao chegar a Euskal Herria, no outono de 1969, o primeiro traballo que atopei foi de peón de albanel. Despois fun pasando por eses oficios e outros, como siderúrxico e sindicalista nos Altos Hornos de Vizcaya e na fábrica de Etxebarri de ArcelorMittal, onde rematei a miña vida laboral”, engade.

Tantas cousas e ademais accionista, subscritor, lector de Sermos Galiza

Ben, non é para tanto xa que en ningunha delas cheguei a sobresaír. O que pasa é que cando se sae sen nada polo mundo adiante hai que adaptarse ao que se cadre.

Por outra banda; se un ten amor a terra que o viu nacer debe facer todo o posible por dotala dos medios necesarios para o seu desenrolo económico, político e cultural. Nese sentido non podía menos que aportar, dentro das miñas posibilidades, o meu pequeno gran de area para a creación deste proxecto colectivo en galego e despois poder ter unha información non manipulada do que acontece nela e no mundo.

Sermos Galiza ten xa dous anos. Na rede e no papel, acadando xa os cen números. Con esta perspectiva, como valora o proxecto?

Pareceume, desde o primeiro momento, un proxecto ilusionante. Despois de ver como desaparecía unha cabeceira histórica como A Nosa Terra, Galicia Hoxe, ou a páxina dixital de Vieiros, vía necesario un proxecto como este que garantise a voz aos que non a temos nos outros medios e para explicar esa realidade que esconden as grandes empresas de comunicación.

Sermos é o único semanario en lingua galega, como ve a realidade da lingua na imprensa deste país?


Vexo a nosa lingua en retroceso con respecto ao español tanto na imprensa como na súa utilización na vida real. Cando eu era neno lembro ver carteis no Concello que poñían “Hable bien. Sea patriota-No sea bárbaro. Es de cumplido caballero que usted hable nuestro idioma oficial...”, pero nunca pensei que loitar pacificamente pola supervivencia do noso idioma ía constituír algún día un delito, e até ser castigado con penas de cárcere, porque ás mentes aluadas de “Galicia Bilingüe” se lles mete entre cella e cella.

Chegados ao número 100, que bota en falta en Sermos Galiza?

Penso que é bastante completo, aínda que eu non son entendido nesta materia. O importante sería conseguir entre todos nós que algún día fose diario, para que a sociedade galega puidese recibir na nosa lingua unha información independente, seria, contrastada e non manipulada pola presión que exercen os grandes grupos económicos, como ocorre nos outros medios de comunicación.

Finalmente, e lembrando a Díaz Castro, pensa que “Traguerán os camiños algún día a xente que levaron”?

Galiza é unha terra xenerosa, capaz de producir riqueza para todos os que nacemos nela se utilizamos ben os seus recursos con ese fin e non para beneficio das grandes empresas multinacionais que nin sequera cotizan aquí e levan os seus beneficios a paraísos fiscais, pero o mais importante é que non teñan que seguir emigrando os mozos e mozas mais preparados para afrontar o futuro da nosa Terra. Xa o dicían os de Fuxan os Ventos fai moitos anos: ...e si se van todos quen seiturará?

O día que sexamos capaces de cambiar esta política criminal que nos leva ao suicidio como pobo, sen dúbida que traguerán os camiños algún día a todos aqueles galegos bos e xenerosos que, como o meu amigo e veciño, Xosé María Díaz Castro, non perderon nunca a súa identidade e queren volver á patria da que nunca debéramos de ter saído.