No Sermos nº98: 25M: caídas, resistencia e futuro

Valoracións electorais enriquecidas coas achegas de Antón Baamonde e Margarida Ledo, navegar por Implicadas nunha conversa con Lucía Bayo e María Reimóndez, unha visión desde dentro do #8f45anos... Todo isto e máis, no Sermos en papel. E xa podes adquirilo na nosa loxa

Máis un novo semanario do Sermos Galiza na rúa. Achegándonos ás tres cifras (100). Neste número, o 98, pechamos a 'tetraloxía electoral' do 25M. Desta vez centrámonos en achegar unha explicación e visión do escenario que saíu das urnas o pasado domingo. Unha valoración que se enriquece coas opinións de Antón Baamonde e Margarida Ledo Andión.

O xuízo #8f45anos segue a ter presenza, desta vez cunha visión desde dentro. Tamén percorremos as comarcas do país para achegarnos ás súas realidades. Desta volta, facemos parada en Punxín e Xermade.

Implicándonos

Lucía Bayo (presidenta) e María Reimóndez (vice-presidenta) falan entre elas e para nós de Implicadas no desenvolvemento, da súa navegación e dos seus portos. Tamén falamos con Luís González, militar que vén de presentar un libro no que denuncia esta institución.

E non podía faltar a entrevista con Xotramu. De Muimenta, que organizan unha nova edición da Festa de Xogos Populares. Entre risos dinnos que sospeitan que o hoquei foi inventado na montaña de Lugo, onde aínda pervive a súa versión máis tradicional denominada 'A Porca'.

Mais neste nº98 hai moito máis: Viaxamos da man do colectivo XEA até o mosteiro de Sanfíns, informamos dos plans para a pranta de Citroën en Vigo (facer unha factoría 'low-cost' a base de baixar salarios), e en Comunidade Sermos gozamos con Andel Virtual, a primeira libraría virtual galega (data de 1997!)