#Sermos103: O galego varrido no ensino e entrevista a Josu Juaristi

O semanario xa está pronto para a súa cita semanal. Neste número, entrevistamos o eurodeputado de EH Bildu e a Das Kapital ou falamos da situación de urxencia na que se acha a sanidade. Podes adquirilo na nosa loxa.

Sermos Galiza chega ao número 103 nun número no que entrevistamos a Josu Juaristi, eurodeputado de EH Bildu. “Non quero para o meu país un proceso plurinacional, quero o dereito a decidir”, dinos este xornalista que nas pasadas eleccións europeas encabezou a listaxe da esquerda abertzale. Juaristi sitúa a chave do proceso “na forza que se faga de abaixo arriba” e reitera que o Estado español “ten medo á paz”.

No Tema da Semana analizamos a situación do galego no ensino após o estudio da Mesa pola Normalización que indicaba que menos do 3% dos centros de ensino imparten maioritariamente en galego. Unha realidade dramática que tentamos explicar.

Tamén falamos da bicicleta e das apostas por unha outra mobilidade, viaxamos até o Arsenal de Ferrol para recibir unha clase de historia franquista e contamos como os recortes, precarizacións e abandonos de centros levan a urxencias á sanidade viguesa.

A pé das comarcas

As mobilizacións a prol do indulto dos traballadores condenados a prisión por participar en folgas ou a volta a exposición pública do trazado da A76 tamén son tratados neste número. Falamos da loita que desenvolve desde hai cinco anos a plataforma pro-Campus para lograr Enxeñería Química en Ourense. E en Deportes contamos a sorpresa do Somozas, un equipo dunha pequena vila que ascendeu a Segunda B. Non nos esquecemos de que comeza o tempo festivaleiro, e por iso elaboramos unha guía de festivais musicais para este mes de xuño.

En Viaxes na Miña Terra o colectivo XEA lévanos por Coruña. Precisamente cunha integrante de XEA, Adela Leiro, falamos na sección de Comunidade Sermos. “A idea é patear o país e dalo a coñecer á xente”. Entrevistamos ao grupo Das Kapital e a Miguel Pérez Lorenzo, profesor que forma parte dun proxecto no que se uniu lingua de signos e promoción do galego. E aprendemos a marabilla do teatro social para crainzas da man de A Tropa de Trapo.