#sermos106: a soberanía como horizonte

O Sermos Galiza nº106 chega para un 25 de xullo no que a soberanía será a protagonista. Reportaxes, entrevistas e seccións diversas para o número que recibe o 25 de Xullo. Xa á venda na nosa loxa.

O semanario Sermos Galiza nº106 xa está na rúa. Un número centrado no Día da Patria, unha xornada na que a defensa da soberanía farase explícita mentres Felipe de Borbón desembarca en Compostela para render pleitesía ao ‘Patrón de España’. Publicamos co gallo do 25 de xullo un artigo do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, titulado ‘En Pé’.

A reforma fiscal aprobada polo goberno español e as súas consecuencias en Galiza é outro dos temas analizados neste nº106, así como tamén resumimos os temas da semana a través de varias fotografías.

Entrevistamos a Alfredo López ‘Tokio’, que vai presentar en Viñetas desde o Atlántico a súa segunda novela gráfica, ‘A Cusa do crime’, unha historia policial na que se retrata o Vigo dos anos 80. “O debuxante precisa facer ilustracións con bisturí”.

Pico Sacro tras as pegadas de Castelao

Noventa anos despois de que o nacionalismo tomase o roteiro do Pico Sacro para realizar un acto político, un cento de persoas volveron percorrer as pegadas, nunha xeira que fica recollida en fotografías.

Tamén falamos do vertedoiro ilegal en pleno corazón as Fragas do Eume, da iniciativa de Carballo para concienciar sobre a contaminación dos océanos ou a primeira sentencia a prol dos traballadores do Celga que exixe á Xunta a súa readmisión.

O festival Revenidas, a situación do recinto feiral decano de Galiza ou o conflito do lixo en Lugo tamén son debullados neste número. En Internacional falamos de Gaza e en Viaxes na Miña Terra (VNT) percorremos as Lagoas de Pradorramisquedo.

Todo isto e moito máis, neste Sermos Galiza.