"Tecer redes colectivas e populares de información é unha necesidade"

Alberte Fernández Marinho é coruñés. É o presidente da Asociación Veciñal das Atochas–Monte Alto, unha das históricas da cidade herculina.

 

Na biblioteca desta entidade presentouse o semanario Sermos Galiza por vez primeira na Coruña...

Certo. Realizamos moitas presentacións neste espazo, de discos, libros. Tamén conferencias. Lamentabelmente a día de hoxe, estamos loitando contra o peche da Biblioteca Veciñal por parte do Partido Popular.

Vostede traballa activamente no movemento veciñal, cal pensa, neste aspecto, que pode ser a aportación de Sermos Galiza?

Coido que debería existir unha sección de movementos sociais tamén no papel. É importante para nós ter información do que lles pasa as/aos nosas/os compañeiras/os que están a traballar na mesma fronte ca nós. Tecer redes colectivas e populares de información é unha necesidade.

Dous anos xa feitos no dixital, a piques de os facermos no papel, como valora o proxecto Sermos Galiza?

Como independentista galego valoro positivamente a existencia dun xornal como o Sermos. É importante, nun momento como o actual, fortalecer as nosas posicións, acumular forzas e facer avanzar a sociedade galega. Isto só é posíbel a través dos medios de comunicación de masas. Considero unha tarefa de todas e todos acadar o obxectivo de facelo medrar como un referente de información e que poda chegar a cada traballadora e traballador da nosa nación.

Sermos é o único semanario en lingua galega, como ve a realidade da lingua na imprensa deste país?

A realidade da nosa lingua é dura no contexto actual de represión que estamos a sufrir como pobo. Vemos incluso como o Partido Popular emprega de ariete as institucións creadas para facer cumprir as leis de normalización lingüística para instaurar a súa política centralizadora e unionista. Dentro desta folla de ruta do Estado Español para rematar dunha vez por todas co independentismo dentro das nacións sen estado, os medios de comunicación xogan un papel crucial como colaboradores do réxime de opresión que dura xa 500 anos. De aí as inxeccións de fondos públicos a “panfletos” como a Voz de Galicia. O Demo ben paga a quen ben o serve.

Na actualidade hai quen prognostica a desaparición dos textos xornalísticos impresos. Vostede que razóns daría para a permanencia da imprensa escrita en galego?

Coido que debemos aprender dos nosos erros evitando que aconteza con Sermos o que pasou con A Nosa Terra. É importante que as e os independentistas galegas fagamos do xornal a nosa casa. Enviemos a mensaxe ao noso pobo de que o Sermos é a verdadeira voz de Galiza.