Os 20 anos de Dios Ke Te Crew, no 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
O chantadés Folión de Carros e a Guerrilla galega tamén compoñen este número do semanario.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez os protagonistas son os Dios Ke Te Crew, grupo histórico de Rap en galego.

Nunha entrevista feita por Montse González, esta explica que “A banda Dios Ke Te Crew (DKTC) fai 20 anos. Celebrouno no último Festigal, no mesmo escenario e día que cando empezaron hai dúas décadas ao xuntarse para un concerto os membros de 5Talegos e Ghamberros”.

Folión de Carros

Abre este número do Sermos unha reportaxe sobre o chantadés Folión de Carros elaborada por Iago Suárez.

“Cada noite anterior ao cuarto domingo de agosto, Chantada celebra o Folión de Carros. Unha tradición ancestral que supón unha verdadeira manifestación cultural de indubidábel valor etnográfico. Se ben a súa orixe non está clara, o que si se pode afirmar é que se trata dunha celebración centenaria, que cada ano enche de historia as rúas da vila do Asma e transporta a súa poboación a tempos pasados converténdoa en 'carroceira' a través do histórico carro galego e da fortaleza das xugadas que del tiran.”, indica Suárez.

Previamente, na páxina de apertura, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, ofrece unha reflexión titulada ‘A red, red rose’.

A guerrilla galega

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Montse González e titúlase ‘A prehistoria da guerrilla galega’.

González explica que “O mito da "Galicia leal" promovido polo franquismo tivo na suposta ausencia de resistencia ao golpe de 1936 un dos seus piares. A historia da guerrilla antifranquista veu cuestionar este clixé, xunto con diversas investigacións sobre as complexas relacións entre resistencia e consentimento e as variadas formas de disenso”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza o disco Zugunruhe, de Pablo Sanmamed. Pola súa parte, David Regueiro escribe un artigo titulado ‘Lindy Hop’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Fálame!. “A trama sobrenatural desta misteriosa man comeza en "media res". Non se atopa e comezan a pasar cousas”, indica Castro.

Branca Novoneyra ofrécenos a quinta entrega de ‘Poemas míticos’ e Anxo Fole escribe sobre tres receitas na sección de cociña.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!