Máis de 28.000 persoas asistiron á edición do Revenidas "máis multitudinaria"

Sardiñada popular durante a xornada do domingo no Revenidas 2024. (Foto: Christian Pérez)
A xornada do domingo, con sardiñada popular, gala de circo solidaria e concertos, foi a máis popular, segundo a organización, que destacou "a excelencia artística, o poder de convocatoria e ausencia de incidentes".

"Nunca se viu algo tan grande nunha vila tan pequena", dixo o organizador do Revenidas, Xoán Quintáns, na presentación do festival. E o desenvolvemento, a acollida e os datos de asistencia deste Revenidas 2024, corroboraron a súa afirmación, a punta o equipo do festival nun comunicado que fai balance da cita musical.

Segundo di, foron 28.000 as persoas que asistiron aos catro días do festival. En dúas das xornadas, a da sexta e a do sábado, completouse a capacidade do recinto, con 8.500 asistentes en cada unha. A iso hai que sumar ás 6.500 persoas que acudiron a quinta feira e as 4.500 que se achegaron o domingo.

Precisamente a xornada do domingo, xa coas portas abertas, "foi a máis multitudinaria que se lembra nos últimos anos". Miles de persoas congregáronse ao mediodía para desfrutar da tradicional sardiñada Rías Baixas. A organización dispuxo de 800 quilos de sardiñas asadas que se esgotaron en apenas hora e media. Despois da sardiñada o público permaneceu no recinto para asistir a gala de circo e, xa á tardiña, aos concertos de Caamaño & Ameixeiras e De Ninghures, cos que se fechou o festival.

Máis aló das cifras, os organizadores subliñan o "excepcional ambiente" que se viviu durante estas catro xornadas no recinto do festival e no conxunto de Vilaxoán. "A mellor mostra tivo lugar o sábado, unha xornada na que o público encheu o recinto do Revenidas dende as 12 de mediodía até pasadas as catro da madrugada".

Os responsábeis do festival tamén destacan a ausencia practicamente absoluta de incidentes. Os servizos de emerxencia non tiveron que intervir salvo nalgún leve corte ou algunha pequena lesión.

A filla do dentista e o neto do xastre

A organización do Revenidas agradece  a todos os traballadores e traballadoras do festival a súa dedicación  (persoal das barras, de limpeza, de seguridade, produción, técnicos, catering, comunicación…). "Ademais dos artistas, eles son os principais responsábeis de que o festival sexa posible e de que se converta cada ano en algo tan especial", sinala Xoán Quintáns, que tamén ten un recordo e un agradecemento especial para a veciñanza de Vilaxoán pola súa xenerosidade e pola súa acollida. "Os veciños de Vilaxoán, coa súa hospitalidade, fan do Revenidas un marabilloso exemplo de convivencia".

Esa conexión do festival coa contorna máis próxima trasladouse tamén nesta edición aos escenarios. Dous dos músicos que subiron a eles, como son Catuxa Salom e Rubén García (baixista de Guadi Galego) son, respectivamente, "a filla do dentista" e "o neto do xastre" de Vilaxoán.

Gala de circo solidaria no Revenidas 2024. (Foto: Christian Pérez)

O Revenidas, afirma a organización,  amosouse de novo como un relevante elemento dinamizador da economía de Vilaxoán e da súa contorna. "O festival xerou máis de 150 postos de traballo directos, aos que hai que sumar outras 500 persoas, entre músicos e técnicos".

Tras agradecer o apoio de patrocinadores institucionais e privados "que fixeron posíbel a realización do festival", o equipo do Revenidas asegura que xa está a traballar para organizar "unha edición no 2025 que estea a altura da que acaba de rematar e das expectativas que sempre ten o público". En breve revelaran xa algunhas novidades do festival do ano que vén.