O asociacionismo galego reúnese no Museo do Pobo para fechar o centenario do Seminario de Estudos Galegos

Museo do Pobo Galego (Foto: Nós Diario).
30 entidades porán o colofón ao centenario do SEG cun encontro en Compostela no que procurarán “o intercambio e a reflexión colectiva”. 

O Museo do Pobo Galego impulsou para este sábado unha xornada que reunirá, baixo o nome 'O futuro dun legado. Encontro do asociacionismo cultural galego a cen anos do SEG', unha trintena de asociacións culturais.

A cita quere servir de colofón ao programa de actos que, con motivo dos 100 anos da creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), o Museo realizou como unha das institucións herdeiras daquela entidade.

Segundo indican a través dun comunicado, a iniciativa deste sábado pretende pór en valor o traballo das entidades que, de maneiras diversas e desde distintos puntos do país, continúan aquel labor iniciado polo histórico SEG

No encontro participarán asociacións de toda a Galiza que están a traballar, na actualidade, en investigación e divulgación de diferentes ámbitos do patrimonio galego: científico, cultural, histórico, territorio e patrimonio inmaterial.

Segundo o Museo, a xornada procurará “o intercambio e reflexión colectiva” coa intención de “afondar nas posíbeis solucións aos desafíos que xorden na xestión dos proxectos”. Alén diso, a idea é “analizar e fomentar as relacións entre o tecido asociativo, veciñanza e patrimonio” e celebrar conxuntamente “o traballo que se está a facer desde o tecido asociativo”.

Por último, a intención tamén é abrir vías de intervención e de participación directa da sociedade galega co Museo, unha institución que, aseguran,  “é tamén froito do traballo asociativo”. 

O encontro terá lugar de 11 a 14 horas no Museo e rematará cunha celebración conxunta das participantes con petiscos e música en vivo. Confirmaron a súa participación A Sega, A Gentalha do Pichel, Adega, Ponte… nas Ondas! e a Agrupación Astronómica Coruñesa ÍO, entre outras.