O Museo do Pobo Galego impulsou para este sábado unha xornada que reunirá, baixo o nome 'O futuro dun legado. Encontro do asociacionismo cultural galego a cen anos do SEG', unha trintena de asociacións culturais.
A cita quere servir de colofón ao programa de actos que, con motivo dos 100 anos da creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), o Museo realizou como unha das institucións herdeiras daquela entidade.
Segundo indican a través dun comunicado, a iniciativa deste sábado pretende pór en valor o traballo das entidades que, de maneiras diversas e desde distintos puntos do país, continúan aquel labor iniciado polo histórico SEG.
No encontro participarán asociacións de toda a Galiza que están a traballar, na actualidade, en investigación e divulgación de diferentes ámbitos do patrimonio galego: científico, cultural, histórico, territorio e patrimonio inmaterial.
Segundo o Museo, a xornada procurará “o intercambio e reflexión colectiva” coa intención de “afondar nas posíbeis solucións aos desafíos que xorden na xestión dos proxectos”. Alén diso, a idea é “analizar e fomentar as relacións entre o tecido asociativo, veciñanza e patrimonio” e celebrar conxuntamente “o traballo que se está a facer desde o tecido asociativo”.
Por último, a intención tamén é abrir vías de intervención e de participación directa da sociedade galega co Museo, unha institución que, aseguran, “é tamén froito do traballo asociativo”.
O encontro terá lugar de 11 a 14 horas no Museo e rematará cunha celebración conxunta das participantes con petiscos e música en vivo. Confirmaron a súa participación A Sega, A Gentalha do Pichel, Adega, Ponte… nas Ondas! e a Agrupación Astronómica Coruñesa ÍO, entre outras.