MÁIS

Sisargas, coroa de Malpica

Gaivotas, piñeiros e herba de namorar na comarca de Bergantiños.
As tres illas Sisargas vistas desde o ceo. (Foto: Concello de Malpica)
photo_camera As tres illas Sisargas vistas desde o ceo. (Foto: Concello de Malpica)

Ao norte de Malpica (Bergantiños) atópase o arquipélago das illas Sisargas, aínda que a veciñanza denomínao simplemente como 'A Illa'. Son tres en total; Sisarga Grande, Sisarga Chica e Malante, pero o conxunto conta tamén con diversos illotes. 

A única forma de chegar até estas illas é contratando o servizo dun barco privado, empresas ou persoas do lugar, xa que non existen rutas públicas até as Sisargas. A superficie total non chega ao quilómetro cadrado e só 800 metros as separan da costa de Malpica. No pasado, as illas estiveron habitadas. A existencia da Ermida de Santa Mariña é a proba disto, aínda que foi destruída polos piratas que visitaban a illa no século X. Con todo, as Sisargas aínda posúen construcións a visitar. A máis rechamante é o faro de Santo Hadrián, na illa Grande. Data de 1853 e é un dos máis antigos da Costa da Morte, xunto co de Fisterra. Pasou por unha remodelación a principios do século XX e está automatizado desde hai máis de 20 anos. 

Nas illas, hoxe deshabitadas, atópase a Ermida de Santa Mariña e un faro

As Sisargas contan cunha única praia, a Area das Cunchas, situada na parte sur da illa Grande. A maior parte da superficie do arquipélago está cuberta de bosques de piñeiro. A herba de namorar, tan común no imaxinario popular, enche as illas dunha peculiar cor rosa. Seguindo o característico da Costa da Morte, acantilados de até 100 metros de altura coroan as Sisargas. 

O feito de que non exista civilización humana de forma constante no lugar fai das Sisargas un escenario idóneo para as aves. As illas son empregadas de refuxio por aquelas que están en perigo de extinción e tamén como zona de paso para as aves migratorias. As illas son desde 2004 Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) dentro do Lugar de Importancia Comunitaria da Costa da Morte, que forma parte a súa vez do programa Rede Natura 2000. A zona é colonia de diversas especies endémicas de aves, como a gaivota tridáctila ou a gaivota sombría, ambas en perigo de extinción. 

A Capela de Santo Hadrián na ladeira do pico do Castro

Data do século XVI e acolle unha romaría na honra do santo todos os meses de xuño. Dise que Santo Hadrián chegou a Malpica para acabar cunha praga de serpes. Ao pisar a primeira delas, o resto desapareceu. Construíuse a capela para honralo pola súa proeza.

O Camiño dos Faros une Malpica e Fisterra

Posiblemente sexa a forma máis sinxela de percorrer a Costa da Morte. Este roteiro conta con oito etapas repartidas en 200 quilómetros. O Camiño dos Faros mira sempre ao mar e pasa polos puntos de maior interese dentro deste litoral. 

A primeira etapa percorre case 22 quilómetros, desde o pequeno faro do porto de Malpica até a praia de Niñóns, en Ponteceso. O camiño pasa por Santo Hadrián con vistas ás Illas Sisargas e permite desfrutar de praias como Seiruga ou Barizo, ademais do faro de punta Nariga. A ruta ten o seu desenlace tras 4000 metros de pendente positiva e negativa, en Fisterra.

O roteiro do balcón das Sisargas

Códigos QR espallados polo paseo marítimo de Malpica guían e dan información sobre o roteiro. Comeza no miradoiro do Caldeirón e remata no de Canido. A través do roteiro, poderemos descubrir a historia do paseo marítimo e ter unha vista diferente das Sisargas.

Comentarios