Catherine Davies recibiu a Rosa de Galiza da Fundación Rosalía

A casa-Museo de Roalía de Castro celebrou este 15 de xullo o 139ª cabodano da morte da autora.
Catherine Davies e Anxo Angueira, esta segunda feira (Foto: Fundación Rosalia de Castro).
photo_camera Catherine Davies e Anxo Angueira, esta segunda feira (Foto: Fundación Rosalia de Castro).

A Casa-Museo de Rosalía de Castro celebrou esta segunda feira, 15 de xullo, en Padrón (o Sar), o 139 cabodano do pasamento da autora cun acto institucional no que se entregou a Rosa de Galiza á rosalianista británica Catherine Davies e que rematou cun concerto-conferencia de Abraham Cupeiro, alén dos discursos institucionais.

O acto abriuse coa laudatio de Catherine Davies a cargo do presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, seguida polo discurso da homenaxeada, que rematou con breves palabras da deputada de Igualdade e Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra; do secretario xeral de Lingua, Valentín García; e do alcalde de Padrón, Anxo Arca. Estiveron tamén presentes a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; ou o deputado de Medio Ambiente da Deputación de Pontevedra, Marcos Guisasola.

A Rosa de Galiza é unha insignia que concede a Fundación Rosalía de Castro a persoas ou institucións que se significaran na defensa da figura da escritora ou na promoción do legado rosaliano. Trátase dunha insignia de ouro que nesta ocasión recibiu Catherine Davies, na actualidade profesora emérita da Universidade de Londres, cargo co que culmina unha longa carreira académica nas universidades de St Andrews, Manchester, Nottingham e Queen Mary.

Davies é unha investigadora que puxo o foco sobre aspectos pouco estudados da obra de Rosalía, como o posíbel simbolismo feminista das botas azuis da novela El caballero de las botas azules ou mesmo a súa infravalorada faceta maternal. A obra e o contexto socio-ideolóxico de Rosalía constituíu unha das liñas básicas do traballo de Catherine Davies desde a realización da súa tese de doutoramento, que defendeu na Universidade de Glasgow en 1984; tres anos máis tarde e coa mediación de Ramón Piñeiro aparecería na editorial Galaxia a versión en galego co título Rosalía de Castro e o seu tempo, converténdose nun dos fitos dos estudos rosalianos dos nosos días.

Comentarios