A Unesco destaca Ponte... nas Ondas! como iniciativa multinacional para a posta en valor do patrimonio cultural inmaterial

A 19ª reunión do Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial decorrerá en Asunción (Paraguai) do 2 ao 7 de decembro de 2024.
'Escolas nas ondas', unha das iniciativas que desenvolveu 'Ponte... nas Ondas!' (Foto: Nós Diario).
photo_camera 'Escolas nas ondas', unha das iniciativas que desenvolveu 'Ponte... nas Ondas!' (Foto: Nós Diario).

En decembro de 2022, o Comité da Convención de Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) de 2003, na décimo sétima reunión (en Rabat, onde foi inscrito o modelo PNO!), acordou debater sobre os expedientes de inscrición multinacionais. Esta iniciativa abordaría aspectos como o intercambio de boas experiencias de salvagarda en relación cos elementos multinacionais inscritos e as boas experiencias de cooperación na preparación das propostas de inscrición.

Para tratar estas cuestións de elementos multinacionais o secretariado convocou unha sesión o pasado 4 de xullo onde se debateron cuestións como as vantaxes e retos das propostas multinacionais, a cooperación internacional e as boas experiencias de salvagarda de elementos multinacionais centrados nas comunidades.

Nesta reunión internacional onde participaron máis de 150 Estados e ONG que traballan o Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI), tiña como obxectivo informar e esclarecer as dificultades reportadas sobre a presentación de candidaturas multinacionais do PCI á Unesco. Para demostrar casos específicos e de suceso, a Unesco convidou ao Ministerio español de Cultura a presentar o exemplo do modelo Ponte... nas Ondas! (PNO!) como unha boa práctica na tramitación dun expediente internacional xa inscrito.

Ao mesmo tempo convidou a PNO! como ONG consultora para mostrar a súa experiencia de traballo co PCI ao longo de tres décadas. Por parte do Ministerio español de Cultura interveu a subdirectora xeral de Patrimonio, María Agúndez, quen expuxo todo o proceso da candidatura de PNO! ás boas prácticas. Agúndez destacou a colaboración entre as tres Administracións implicadas (Ministerios de Cultura español e portugués e a Xunta da Galiza).

Por parte de PNO! interviu o antropólogo Álvaro Campelo da Universidade Fernando Pessoa do Porto e investigador do CRIA (Centro em rede de investigaçao em antropologia). Campelo destacou que o simple feito de Unesco escoller como exemplo a PNO! é un motivo de orgullo para todas as persoas e entidades que desde hai tres décadas se implican no proxecto, ademais de resaltar o traballo das escolas da Galiza e de Portugal co PCI involucrando a alumnado e profesorado xunto con persoas portadoras do PCI.

Campelo puxo en valor a historia das comunidades onde se insire o proxecto Ponte... nas ondas! Así mesmo, facilitou o traballo multinacional sobre o PCI e a construción da primeira candidatura de PCI promovida por centros educativos de dous Estados en 2004 e a posterior candidatura ás Boas Prácticas inscrita en 2022.

A pesar de termos un patrimonio cultural compartido, o suceso de Ponte... nas ondas! débese ao compromiso e entusiasmo dos profesores e alumnos das escolas deste territorio, así como aos apoios de entidades académicas, políticas e asociativas e ao traballo co PCI, destacou.

A exemplaridade de Ponte... nas ondas! está na base dos seus obxectivos, explicou: traballar a comunidade escolar en complicidade coas comunidades locais e os portadores do PCI, ou sexa, é da base da comunidade onde xorden as actividades e se organizan os proxectos de traballo e investigación.

A realización de eventos e a elaboración de contidos faise en todos os ámbitos do PCI. Dese traballo teñen saído a edición de discos e a publicación de libros xunto con recursos e contidos multimedia, acrecentou o antropólogo.

Conscientes de sermos herdeiros dun patrimonio cultural que atravesou fronteiras, presente agora en varias nacións e continentes, debido ás migracións e tamén ao colonialismo, PNO! ten achegado os seus proxectos a escolas deses Estados e continentes, no recoñecemento dun patrimonio compartido, que debe ser, na actualidade, unha oportunidade para a fraternidade e a superación de todo o tipo de dominación, abondou Campelo.

Por último, o antropólogo informou as persoas presentes de que xa se está a implantar o modelo PNO! nos Planos Educativos das Escolas e estase a preparar un Centro do Patrimonio Cultural Galego-Portugués.

A recepción a esta intervención foi saudada polo Secretariado da Unesco e por algunhas das participantes e foi gratificante saber que este exemplo de PNO! é de gran relevancia para a institución internacional e apreciado por todas as que traballan co PCI e buscan prácticas e modelos innovadores de transmisión e valorización pedagóxica neste ámbito, subliñaron desde Ponte... nas Ondas!

Do tratado nesta sesión poderase presentar unha guía-referencia para o seu exame na 19ª reunión do Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que decorrerá en Asunción (Paraguai) do 2 ao 7 de decembro de 2024.

Comentarios