Isabel de Castro, unha galega en loita contra Castela na revolución do século XV

 

A historia da Galiza nos tres séculos e medio finais da Idade Media está marcada pola loita permanente contra Castela. A revolución do século XV foi a última tentativa do período por mudar a sorte da Galiza
Restos da fortaleza da Frouxeira onde Pardo de Cela resistiu o cerco castelá.
photo_camera Restos da fortaleza da Frouxeira onde Pardo de Cela e Isabel de Castro resistiron o cerco castelá. (Foto: Wikipedia).

Fica moito por aclarar da revolta galega contra Castela da penúltima década do século XV. Aquela Galiza derrotada no século XIV, con parte das súas clases dirixentes xa alleas ao país, cos vencellos co irmán portugués moi debilitados, sen os apoios internacionais debidos malia os centos de anos de relacións intensas no espazo atlántico, aínda dispuxo de folgos para erguerse de novo en base ao vello proxecto dunha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal e arrimada no ámbito estatéxico as potencias marítimas europeas.

Foron aqueles, os días de Pedro Álvarez Osorio, o noso conde vello de Lemos que Vasco da Ponte veu coma “a luz e o lume do Reino de Galiza”, de Pedro de Soutomaior, o conde de Camiña pero tamén o Pedro Madruga, cuxas vitorias aínda lembran no sur da nación e de Pedro Pardo de Cela, o rebelde do norte galego que lle botou peito e perdeu a cabeza a mans dos exércitos dos Reis Católicos.

Fixo parte dunha xinea rebelde entregada a edificar unha Galiza dona de seu. Descéndente directa do rei García, o único dese nome que tivo Galiza, formou parte da casa dos Castro, aqueles nobres galegos e, tamén, portugueses que soñaron revoltas, fixeron revolucións, morreron e volveron a erguerse.

Foi filla de Beatriz de Castro, bisneta daquel Alvar Pérez de Castro, irmán da raíña  Inés de Castro e de Pedro Álvarez de Osorio, o señor da Cabreira e da Ribeira, cabeza da nobreza galega na segunda metade do século XV, entregados os dous nunha peza a reconstruír o poder da súa casa tras a derrota de finais século XIV e a rescatar o vello proxecto dunha Galiza libre e hexemónica no espazo ibérico pola que loitaron e perderon os seus vellos.

A súa figura estivo ligada aos capítulos decisivos da revolución galega do século XV. Casada en primeiras nupcias con Galaor Mosquera, membro dunha familia ligada de vello á casa de Castro, após a súa morte desprazouse a Mondoñedo, onde o seu tío Pedro Enriquez ocupou o bispado durante máis dunha década, non tardando en xuntarse con Pedro Pardo de Cela, con quen viviu aquelas días de lume e ferro en pelexa contra Castela.

A súa participación naqueles xornadas de loita contra as tropas dos Reis Católicos, que se demoraron durante practicamente dunha década, quedaron gravadas na documentación contemporánea e na memoria oral. Neste sentido, son a múltiples as lendas vidas nas terras da Mariña que a sitúan resistindo no castelo da Frouseira ou xestionando un perdón para salvar a vida a súa parella, finalmente degolada en 1483 e, por suposto, sempre batallando naquel cabalo branco que dun salto chegaba da fortaleza da  Frouseira en Foz ao castelo do Castro do Ouro no Valadouro.

O asasinato de Pardo de Cela deu un novo pulo a súa loita. Se a filla primoxénita, Beatriz, canda o seu compañeiro Pedro de Bolaño, mantivo a rebeldía durante anos nas terras da Mariña e Ortegal, a menor, Constanza, após a execución do seu pai, refuxiouse canda o seu marido Fernán Arés de Saavedra, no castelo de Vilaxóan ou de Caldaloba, na parroquia de San Martiño do Pino, no concello de Cospeito, onde resistiu o cerco das tropas casteláns, comandadas por Diego López de Haro, ao longo dun ano, morrendo durante o asedio a finais de 1484.

Isabel fixo fronte a dura represión que os Reis Católicos abriron contra os seus, defendéndose durante anos dos múltiples procesos xudiciais abertos polas autoridades estranxeiras e mantendo a chama acesa da Galiza arredada de Castela pola que loitou a súa xinea durante séculos.

Comentarios